publicidade hoxe

Salvemos Cabana insta a o goberno galego a actuar de oficio para garantir a cancelación dos dereitos mineiros de Edgewater en Corcoesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

A aprobación da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 30, leva consigo a perda para a transnacional canadense e a súa filial galega dos dereitos mineiros sobre as súas concesións en Cabana de Bergantiños.

A nova normativa incorpora no seu articulado unha modificación substancial da Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galicia. Así, os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente “polo incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante”, tal como aconteceu con Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, empresa á que se lle comunicou oficialmente o 11 de marzo de 2014 dende a Xunta de Galicia a cancelación do proxecto pola súa falta de solvencia financeira e técnica para levar a cabo a explotación o 11 de marzo de 2014, e que anteriormente fixera público Alberto Núñez Feijóo durante o debate de estado da autonomía o 15 de outubro de 2013.

A entrada en vigor da nova lei, ademais, non deixa lugar a dúbidas, ao sinalar que “unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia”.

Debido a isto, a Consellería de Economía e Industria debe proceder canto antes á activación do procedemento de anulación dos dereitos mineiros de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater en Cabana de Bergantiños e enterrar definitivamente os plans da empresa nun proxecto que xamais debeu ser contemplado pois supoñería unha ameaza de imprevisibles consecuencias tanto para o tecido produtivo da bisbarra, centrada nos sectores agropecuario, pesqueiro e turístico, como a nivel ambiental, debido ao seu inxente volume de xeración de refugallo e á presenza das inmensas balsas mineiras de residuos de flotación e lixiviación, que tivesen suposto unha auténtica “bomba de reloxaría” para as xeracións presentes e futuras.

7 de xaneiro de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.