Policías locais de Galicia rematan un curso de xestión de residuos sólidos urbanos

Grupo de policías locais de Galicia que asistiron ao curso
Un total de 58 policías locais de Galicia remataron o curso de xestión de residuos sólidos urbanos en colaboración con Sogama co obxectivo de concienciar e ensinar aos axentes sobre a problemática dunha elevada xeración de residuos e ofrecerlles coñecementos para o seu correcto reciclado.
Entre outras actividades os alumnos coñeceron o marco de referencia -normativo, xeográfico, industrial, tecnolóxico e humano- no que esta empresa pública desenvolve o seu cometido, dirixido cara a xestión sostible dos residuos mediante a aplicación prioritaria do principio comunitario dos tres erres -redución, reutilización e reciclaxe-, que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, converténdoa en electricidade, e isto dende o máximo respecto cara a protección do medio ambiente e a saúde pública.
O curso tivo unha duración de dous meses, e estivo estruturado en dez temas, asociados cada un á correspondente proba de avaliación, tendo como principais obxectivos a toma de conciencia sobre a problemática que, a día de hoxe, representa a elevada produción de refugallos, interiorizando as capacidades necesarias para analizar e valorar as distintas opcións de xestión dos mesmos.
Ademais, outro dos obxectivos eran que os axentes adquirirán os coñecementos necesarios para producir a menor cantidade posible de lixo, para alongar a vida útil dos produtos e para separar convenientemente as distintas fraccións de material de cara a propiciar o seu posterior reciclado; así como a capacidade para influír nunha nova forma de visualizar os desperdicios municipais por parte da cidadanía, levando a cabo unha tarefa educativa que permita poñelos en valor e contribuír ao seu máximo aproveitamento co menor custo posible.
Visita a Sogama
Doutra banda e como remate do curso, os alumnos visitaron esta semana as instalacións de Sogama, en Cerdeda para coñecer a súa actividade da man do equipo técnico do complexo medioambiental, onde poideron ver in situ a súa actividade, recibindo as oportunas explicacións a cargo do equipo técnico, e realizando un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura industrial, cuxo labor se centra na clasificación dos envases lixeiros (colector amarelo) e a parte reciclable contida no lixo en masa (colector xenérico), fundamentalmente aceiro, aluminio, aceiro residual e vidro, destinándoa aos correspondentes centros recicladores. Coa fracción restante, a empresa fabrica un combustible derivado de residuos (CDR) que é valorizado na planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica abondo coa que abastecer 100.000 vivendas.