publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Piden 26 anos de cárcere para un incendiario que intentou matar dous veciños cun machado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaManzanedaOurensePortada esquerdaSucesos
A-
A+

O fiscal pide 26 anos de cárcere para un incendiario do pobo de Rebodepó, en Manzaneda (Ourense), acusado de intentar asasinar dous dos seus cinco veciños cun machado, no xuízo que se celebrará na Audiencia Provincial de Ourense durante os días 28 e 29 de xaneiro.

O acusado, Carlos G.B., de 66 anos, foi condenado a prisión como autor dun incendio nos montes do seu pobo en setembro de 2012, tras a denuncia de dous veciños que lle viron prendelo e, nada máis saír do cárcere, atacounos cun machado o 2 de xaneiro de 2013.

O escrito da acusación pública atribúe ao acusado dous delitos de asasinato en grao de tentativa, polos que o fiscal pide nove anos de prisión por cada un, e prohibición de achegarse ás súas vítimas a menos de 500 metros, tanto ao seu domicilio como lugar de traballo, ademais de prohibición de comunicarse con eles.

Tamén o acusa de senllos delitos de obstrución á Xustiza, polos que pide outros oito anos de prisión en conxunto e unha multa de 5.040 euros.

O fiscal pide ademais que se lle comise o machado utilizado para agredir as súas vítimas, de 90 centímetros de lonxitude e cabeza de ferro cunha folla de 11,5 por 16,5 centímetros, e reclamaralle o pagamento, en concepto de responsabilidade de civil, de 40.344 euros para a súa vítima de 84 anos e doutros 4.894 euros para a outra vítima, de 66 anos. Así mesmo, demanda o pagamento de 28.786 euros ao Sergas.

ESTADO CRÍTICO

No seu relato dos feitos, o fiscal explica que unha das vítimas estaba sentada na fonte de Rebodepó o día 2 de xaneiro de 2013 esperando o panadeiro, cando o acusado chegou en taxi ao mesmo lugar e lle dixo que o ía matar mentres baixaba do vehículo.

O recén saído de prisión por causar un incendio en setembro de 2012 –como outros antes que tamén lle levaron ao cárcere– foise á súa casa mentres a segunda vítima chegaba á fonte para esperar a chegada do panadeiro, como o primeiro.

“Ao cabo dun anaco, o acusado saíu da súa casa cun machado na man e de forma sorpresiva e inesperada para os dous veciños, deu dous machadazos a un na cabeza e ombro e varios na cabeza ao outro cando intentaba fuxir, con intención de rematar coa vida de ambos os dous,” segundo o fiscal.

A segunda vítima ten agora 84 anos e estivo varios días en estado crítico, tras ser operado no hospital do Barco de Valdeorras e logo no de Ourense, para reparar varias fracturas en diferentes lugares do cranio. A primeira vítima, con 66 anos, tamén sufriu unha intervención cirúrxica. Así, segundo o fiscal, ocasionaron “gastos médicos e de hospitalización” que debería compensar o acusado.

O fiscal recorda no seu escrito que ambas as dúas vítimas do acusado declararan como testemuñas ter visto ao seu veciño Carlos G.B. plantar lume, e este “era consciente da intervención dos dous naquela causa que lle levou a prisión provisional e pola que logo foi condenado”. Por ese motivo, a acusación pública considera que o agresor actuou contra os seus veciños “por vinganza”.

LIBRE ABSOLUCIÓN

A defensa do acusado pide a libre absolución e argumenta, segundo fontes xurídicas consultadas, que non é o autor dos feitos que se lle imputan. Con todo, no caso de que se determine algún tipo de responsabilidade, solicita aplíqueselle o “atenuante de alcoholismo”.

A acusación particular, exercida polas vítimas, coincide co fiscal no relato dos supostos feitos probados e nas peticións de penas e indemnizacións.

17 de xaneiro de 2015 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.