publicidade hoxe

Oza abre este ano o entroido dos Xenerais da Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTeo
A-
A+

Teo abre este ano a celebración do entroido dos Xenerais da Ulla na comarca coa celebración en Oza este domingo. Coros, correos e xenerais xa ensaian nestas últimas horas de cara ao gran día no que percorrerán toda a parroquia. Dase a circunstancia ademais de que en Oza levan dous anos sen saír polo que as persoas implicadas están expectantes ante a chegada deste domingo.

A comitiva “carnavalesca” sairá cara as 12:00 horas dende o campo da festa de Agoso e percorrerán os lugares de Cachóns, Outeiro, Laña, Vilanova, Eo dos Ferreiros, Eo dos Menecos, Ribas, Cepeda, Castres, Os Verxeis, O Piro e A Hermida para rematar outra vez no campo da festa de Agoso.

No campo da festa xuntaranse cara última hora da tarde onde se enfrentarán os correos e xenerais nos famosos atranques, enfrontamentos dialécticos no que dende a sátira se falará de temas de actualidade tanto local como xeral cunha especial atención ao panorama político. As coordenadas GPS do lugar son 42º 47´21.1´´/ 8º 31´51.5´´.

En Oza as dez persoas que van a cabalo, dous correos e oito xenerais, estarán acompañados de dous coros, o de vellos e o de bonitos, nenos e nenas de ata 14 e 15 anos que irán vestidos co traxe tradicional galego.

O resto das parroquias teenses nas que se celebra o entroido farano nas seguintes fins de semana de febreiro. Deste xeito Reis sairá o sábado 7 e domingo 8; en Cacheiras como é habitual celébrano a fin de semana de entroido, este ano o sábado 14 e domingo 15; en Santa María de Teo tamén será o 14; en Vilariño despois de case unha década sen facelo agardan ansiosos polo día 22 de febreiro e pechará Bamonde que cambiou a data para o sábado 28 de febreiro.

30 de xaneiro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.