publicidade hoxe

Os valeiros poden empregar o punto de venda de Pontecesures para comercializar a lamprea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontecesures
A-
A+

Os valeiros poden empregar desde hoxe o punto de venda de Pontecesures para comercializar lamprea. A Consellería do Medio Rural e do Mar asinou a resolución pola que se lle autoriza á Confraría de pescadores de Carril para realizar a primeira venda de lamprea neste centro por un período de 5 anos, que poderá ser prorrogado outros 5 anos máis. Así, desde hoxe os valeiros contan cun equipo co que se controlarán as vendas desta especie eurihalina.

Esta autorización recolle, entre outros aspectos, que a primeira venda se limitará ao período hábil establecido no Plan de aproveitamento de lamprea no Río Ulla con nasa-voitirón, aprobado pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas e non se poderán descargar outros produtos diferentes desta especie.

A maiores, a resolución especifica que, se é o caso, este centro de venda poderá expedir e entregar o correspondente documento de transporte que acompañará ás lampreas desde o centro ata a primeira venda na lonxa de destino. Unha vez efectuada a primeira venda, deberá cumprimentarse unha nota de venda que será remitida á Consellería do Medio Rural e do Mar nun prazo de 48 horas.

Tamén se explica que a lamprea, tras a primeira venda, debe ir acompañada dunha copia da nota de venda, de non ir acompañada deste documento, o centro de venda expedirá a correspondente factura ou albarán na que se detallará o lugar de procedencia e de venda da lamprea, a data de transacción, as unidades vendidas, o nome do comprador, o destino do produto e as sinaturas de ambas partes.

Cómpre aclarar que ata o de agora os valeiros podían emitir as súas facturas a través da lonxa de Carril, calquera outro xeito de comercializar incumpría o legalmente establecido e, polo tanto, non ía ser admitido pola Consellería. Cabe lembrar que se trata dunha actividade económica desenvolvida sobre un dominio público con exclusividade o que obriga a un estrito cumprimento da normativa de aplicación.

19 de xaneiro de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.