publicidade hoxe

O pleno de Teo votará a proposta do plan de aforro e investimento para mellorar o aforro enerxético do alumeado público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A corporación teense reúnese este xoves 29 de xaneiro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.

Un dos puntos principais da sesión será a proposta da alcaldía de aprobación do Plan de Aforro e Investimento (PAI 2015) da Deputación da Coruña. Segundo explica o concelleiro de Infraestructuras, Rafael Sisto, “unha vez máis como noutros plan a proposta chega consensuada con todos os grupos despois de falalo na Xunta de Portavoces”. En Teo, do total dispoñible preto de 100.000 euros destinaranse a amortización de débeda eliminando dous créditos, un con Abanca de 33.846 euros e outro co BBVA de 65.250 euros. A parte máis importante, de preto de 200.000 euros restantes adicarasse a investimento a través do Proxecto de mellora na seguridade, no aforro e na eficiencia enerxética das instalacións na rede de alumeado público.

Rafael Sisto explica que “este non é un plan de investimento real, é un plan de financiamento no que a Deputación presta os cartos pero hai que devolvelos, polo que en Teo apostamos por unha acción que nos permitirá mellorar a rede de alumeando e ao tempo xerar un aforro suficiente para devolver o invertido e reducir a factura eléctrica”.

O proxecto prevé a mellora de cadros eléctricos e o máis destacado, a substitución de 700 puntos de luz de mercurio que aínda están funcionando por lámparas de sodio de baixo consumo. Segundo o proxecto o aforro na factura da luz municipal será de 30.000 euros ao ano, a maiores da devolución do custe do proxecto.

28 de xaneiro de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.