publicidade hoxe

O partido socialista reduce a cuestións puntuais a baixa de dous cargos locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoqueixónLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reduciu este xoves a “asuntos puramente puntuais” a baixa de militancia de dous cargos locais do partido e resaltou que “en moitos sitios” se están a recibir moitas solicitudes de alta.

Preguntado en rolda de prensa sobre a marcha do partido do exlíder en Boqueixón (A Coruña) e dun militante coruñés que concorreu como número 13 na lista ás municipais, Besteiro restoulle importancia.

De feito, manifestou non ter “ningún temor” a que se inicie un proceso de baixas masivas. “Na vida dun partido hai baixas, e tamén hai altas”, resolveu.

Nunha comparecencia posterior, a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, indicou tamén que se trata de “dous casos puntuais” que non se poden extrapolar, pois, ironizou, “algunha alta tamén hai”. “Cada persoa exerce libremente onde quere ou non quere participar politicamente, e nada máis que engadir”, resolveu, antes de engadir: “nin me preocupa nin me deixa de preocupar”.

“Quen non estea a gusto nunha determinada formación política, hai un espectro tremendamente amplo para poder militar. Polo tanto, liberdade absoluta, faltaría máis”, finalizou a dirixente socialista, non sen mostrar o seu “orgullo” cara ás persoas que “cada día se achegan ao PSOE e din que queren militar” e “máis cara a aqueles que están dispostos a ir nunha lista”.

29 de xaneiro de 2015 | 21:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.