publicidade hoxe

O director da Banda de Música de Sober participará na xira da Orquestra West-Eastern Divan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, felicita no seu nome, no de todo o Goberno local e no de todos os veciños e veciñas, ao director da Banda de Música de Sober, Miguel Franqueiro, quen tomará parte na próxima xira internacional da Orquesta West-Eastern Divan.

Como explica Franqueiro, a oportunidade xurdiu tras a asistencia a clase co tubista da Scala de Milán, mestre que forman parte da Orquestra Sinfónica West-Eastern Divan. “É unha xira de poucos días, pero na que imos estar en moitos sitios e vou ter o privilexio de tocar con profesionais de primeiro nivel”.

En concreto, a xira comezará o día 15 de xaneiro e prolongarase durante unha semana, tempo no que o director da Banda de Música de Sober participarán en catro concertos, en Córdoba, Sevilla, Madrid e París.

Miguel Franqueiro asegura que esta colaboración “é para o que estás practicando e traballando toda a vida, para poder formar parte de proxectos coma este”. Recoñece que “non hai moitas oportunidades semellantes”, polo que agarda que lle abra novas portas de cara ao futuro.

A Orquestra

A West-Eastern Divan foi concibida en 1999 nas mentes de dous artistas e intelectuais: o músico arxentino-israelí Daniel Barenboim e o intelectual palestino Edward Said. Decidiron crear un taller para mozos músicos de Israel e outros países de Oriente Medio co propósito de combinar o estudo e o desenvolvemento musical con compartir o coñecemento e a comprensión entre culturas que foron tradicionalmente rivais. Neste taller, os participantes melloran o seu nivel musical mentres conviven con mozos de países que poden estar en situacións de conflito co seu propio. A base da orquestra compóñena músicos árabes e israelís acompañados de músicos españois.

As súas primeiras edicións transcorreron entre Weimar e Chicago ata que, en 2002, estableceuse definitivamente en Sevilla grazas ao apoio da Xunta de Andalucía.

O West-Eastern Divan non é unicamente un proxecto musical, é tamén un foro para o diálogo e a reflexión sobre o problema palestino-israelí. A través dos contactos interculturais feitos polos artistas, o proxecto aspira a representar un importante papel na superación de diferenzas políticas e culturais entre os países representados no taller.

Cada ano, a Fundación concede becas a músicos particularmente destacados para estudar en Europa ou en Estados Unidos. Estas becas posibilitan que determinados estudantes especialmente dotados e con recursos económicos limitados poidan acceder a unha formación musical de excelencia. Algúns dos beneficiarios destas becas ocupan agora postos na Orquesta Filarmónica de Israel, a Orquesta Sinfónica de Damasco e a Ópera do Cairo, entre outras institucións.

Desde a súa creación a Orquesta West-Eastern Divan ofreceu concertos en numerosos países de Europa (España, Alemaña, Reino Unido, Francia, Suíza, Turquía, Bélxica, Italia, Portugal, Austria, Dinamarca, Suecia e Noruega), de América (Estados Unidos, Arxentina, Uruguai, Brasil, Colombia, República Dominicana, Ecuador e Venezuela) e Asia (Chinesa e Corea do Sur). En agosto de 2003 a orquestra tocou por primeira vez nun país árabe cun concerto en Rabat, Marrocos, e en 2005 deu un gran paso ao dar o seu primeiro concerto nun país de Oriente Próximo, ofrecendo unha actuación en Ramala, Palestina, que foi retransmitida en directo pola cadea de televisión franco-alemá ARTE. Así mesmo, o West-Eastern Divan tocou en dúas ocasións no Emirato de Catar nos anos 2010 e 2011.

7 de xaneiro de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.