publicidade hoxe

O custe diario do novo servizo de aluguer de bicis en Cedeira será de 0,05 euros coa cuota anual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Cedeira fomentará o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo ao turismo nos desprazamentos polo centro urbano a través da implantación do servizo municipal de aluguer de bicicletas. Segundo as estimacións do alcalde, Luis Rubido, podería comezar a funcionar no mes de febreiro, unha vez se vaian superando os trámites administrativos. Esta mañá dábase conta do último: a aprobación en pleno da ordenanza reguladora do servizo.

Agora, o documento deberá publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Así, Cedeira contará inicialmente con tres bases nas que a veciñanza poderá recoller a súa bicicleta –na praza da Marieta, na Oficina de Turismo e no entorno do pavillón polideportivo municipal-. Todas elas, contarán cun sistema de control para a súa conexión vía ADSL cun centro no que se irá xestionando o seu funcionamento e recopilando a información relativa ao servizo. Para acceder a el, os usuarios deberán darse de alta. Trámite polo que terán que abonar dous euros. Ademáis, a cuota pola utilización se fixa en función do periodo de uso: serán cinco euros por semana; dez por mes ou vinte euros ao ano. É dicir, a maior prazo, menor pago. No último caso, o servizo resulta a razón de 0,05 euros por día. O alcalde considera que se trata de prezos simbólicos cos que se quere universalizar o uso da bicicleta en Cedeira. E, especialmente, nun contexto favorable como o actual, no que o Concello traballa para facer realidade a implantación da Zona 30 en todo o centro urbano. En función da demanda, é intención da Administración local ampliar o número de bases e tamén de ciclos a disposición da veciñanza e dos visitantes. Pleno Así mesmo, na sesión plenaria celebrada esta mañá, a corporación votaba as alegacións presentadas ao orzamento para o 2015, que se desestimaban cos sufraxios contrarios do equipo de goberno. Deste xeito, o presuposto queda aprobado
definitivamente.

Unhas contas que medran un 5,74%, ata os 4.886.402,06 euros, e se presentan como eminentemente sociais e inversoras. No primeiro caso porque será o ano no que historicamente o gasto social alcance unha das maiores cifras –entre inversións en infraestructuras sociais e partidas neste campo- e, no segundo, porque o capítulo de inversións supón un de cada dez euros do orzamento (en suma, 493.253,45 euros). Inversións que se suman ás previstas con cargo a remanentes anteriores -actuacións xa adxudicadas na súa maioría e a piques de comezar, e outras xa en execución-. Becas escolares Doutra banda, o alcalde informou de que a comisión de goberno, reunida a continuación do pleno, deu luz verde ás bases que rexirán as becas escolares para familias con fillos en cursos de Educación Primaria. O executivo municipal estima que se beneficien da medida uns 160 rapaces.

E, para isto, resérvase unha partida no orzamento de 20.000 euros. As axudas serán de 90 euros e os beneficiarios serán aqueles estudantes que conten cunha beca superior na convocatoria da Xunta. A novidade é que, amáis de libros, co importe se poderán adquirir recursos sociosanitarios non financiados pola Seguridade Social (como gafas). Para a presentación bastará con cubrir un formulario e acompañalo da certificación do centro educativo. Precisamente, ao colexio se remitirán as fichas de solicitud, que tamén se poderán descargar da web municipal. A convocatoria abriráse unha vez conclúa a tramitación administrativa –o seguinte paso será a publicación das bases no BOP-.

28 de xaneiro de 2015 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.