publicidade hoxe

O concerto solidario ‘En Directo’ contará coa participación de seis grupos dos Locais de Ensaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioXuventude
A-
A+
Presentación do concerto solidario "En Directo"

Presentación do concerto solidario “En Directo”

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo e o coordinador dos Locais de Ensaio, Christian Beade, presentaron esta mañá o VII Concerto Solidario En Directo!, que se celebrará o próximo venres, 30 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, na Ágora, acompañado por representantes dos grupos participantes.

“Un total de 30 músicos integrantes dos grupos Beards&Beers, Breathing Loud, The Sonic Headlight, Say my Name, Us in the Mirror e Tanit interpretarán temas para todos os gustos, durante as 4 horas que durará este concerto solidario que, nesta edición, ofrecerá o mellor pop, rock e rock alternativo a favor do Banco de Alimentos Rías Altas” destacou Mourelo.

O concelleiro de Xuventude explicou que os interesados en asistir poden retirar os seus convites no Centro Municipal de Información Xuvenil e nos propios Locais de Ensaio. O prezo de cada convite son 3 latas de conserva que se entregará nos puntos habilitados no acceso á sala, dentro da colaboración establecida dende hai 3 anos co Banco de Alimentos Rías Altas.

“Ademais, neste VII Concerto Solidario, os asistentes terán un grande aliciente final xa que, ao participar coas súas opinións sobre os grupos que integran o cartel do concerto, entrarán nun sorteo, que se celebrará ao finalizar o acto, dunha entrada dobre para o concerto que AC/DC dará en Madrid no mes de maio”, anunciou Francisco Mourelo.

O responsable da área de Educación e Xuventude tamén recordou que, dende setembro de 2011, pasaron polos Locais de Ensaio máis de 175 bandas. “Neste período participaron 716 mozos neste proxecto musical de referencia en Galicia que ten como obxectivo fundamental proporcionarlle aos  xóvenes músicos da cidade un espazo axeitado para desenvolver a súa creatividade, inquietudes e manifestacións musicais”, destacou e engadiu: “Nos catro últimos anos, os Locais de Ensaio adquiriron unha grande importancia educativa e solidaria, tanto polo incremento de horas na oferta de formación musical para mozos, coma pola aceptación e participación nesta”.

Ademais, máis de 600 persoas acudiron ás 26 actividades de formación desenvolvidas dese setembro de 2011. Talleres, masterclass e charlas – coloquio que van dende masterclass de guitarra eléctrica ou batería; a talleres de Djing, Informática Musical, ou xestión de redes sociais para músicos; ou charlas con artistas consolidados como Toñito de Poi ou Bastards on Parade.

O Departamento de Xuventude, por medio dos Locais de Ensaio, ademais de ofrecer un espazo musical, busca apoiar, promover e facer visibles aos grupos noveis apostando pola realización de concertos onde estes xóvenes músicos coruñeses son os protagonistas exclusivos.

Nos últimos tres anos, realizáronse 7 concertos solidarios, ademais de participar nas tres edicións do Maratón Atlántico Coruña42, na Tall Ship Race no Campionato de España de Fútbol Sala e na Marcha polas Enfermidades Raras en 2014, explicou e engadiu: “En cada actuación dos grupos locais destacouse o forte carácter solidario das súas postas en escena, sempre dirixidas a favor dunha entidade benéfica. Así, entidades como Cociña Económica, o Banco de Alimentos Rías Altas ou Médicos sen Fronteiras formaron parte do compromiso social inseparable da andaina musical destes grupos”.

Por outra parte, o Departamento de Xuventude leva editados 4 CDs con máis de 40 temas gravados na sala de gravación dos propios Locais de Ensaio polos grupos participantes. “Unha forma máis de apostar e potenciar a visibilidade destes xóvenes talentos da escena musical da nosa cidade”, concluíu Mourelo.

Toda a información sobre os Locais de Ensaio se pode encontrar no blog www.locaisdensaio.blogspot.com ou no correo electrónico locaisdensaio@gmail.com.

21 de xaneiro de 2015 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.