publicidade hoxe

O Concello de Teo abre o prazo de inscrición para o curso de graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo leva anos realizando o curso para a preparación das probas libres para a obtención do Graduado en ESO e neste mes de xaneiro sácase unha nova convocatoria para anotarse nesta actividade formativa que está previsto comezar en febreiro. As persoas interesadas, que deben ter dezaoito anos cumpridos a 31 de decembro de 2014, poden entregar xa a ficha de inscrición ata o 31 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello. 

O acceso ao curso faise por rigurosa orde de inscrición e ten un número de prazas limitado. O curso é gratuíto e ten unha carga lectiva de 240 horas. A previsión é que se imparta no CSC da Ramallosa entre os meses de febreiro e agosto. O horario que se propón dende o Concello de Teo é de luns a venres de 20:20 a 22:40 horas de xeito que se poida compatibilizar cunha xornada laboral.

A ficha de inscrición, que xa se pode descargar da web municipal teo.gal ou recoller nas oficinas do Concello, debe ir acompañada de copia do DNI do solicitante e o prazo para presentala remata o 31 de xaneiro.

Selección do/a mestre/a

En relación con esto o Concello vén de publicar na web municipal as bases que rexerán a convocatoria para a provisión, polo sistema de concurso, dun/ha profesor de educación de adultos para impartir o citado curso. As persoas que queiran participar no proceso selectivo deben entregar a instancia entre o 10 e o 19 de xaneiro.

A modalidade contractual será dun contrato laboral temporal, por obra ou servizo determinado a tempo parcial, cunha duración de seis meses e unha xornada de 12 horas semanais.

As solicitudes, que deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello, deben ir acompañadas da copia do DNI, do certificado ou título oficial da licenciatura ou grao, do certificado de ter realizado o master ou curso de aptitude pedagóxica e dun proxecto educativo.

As persoas que precisen máis información sobre calquera dos dous temas poden poñerse en contacto coa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local de Teo no teléfono 981 815 721, no correo electrónico aedlteo@gmail.com ou persoalmente nas oficinas situadas na antiga Casa do Concello, na Travesía da Ramallosa, número 40.

9 de xaneiro de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.