publicidade hoxe

O Concello de Neda estrea imaxe corporativa coa Torre do Reloxo como protagonista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+
Nova imaxe do Concello de Neda

Nova imaxe do Concello de Neda

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e a concelleira de Turismo, Montse Rico, presentaron esta mañá a nova imaxe corporativa do Concello. Unha imaxe que ten a Torre do Reloxo, os tellados do casco histórico e o río Belelle como principais sinais de identidade da real vila. Que, como expuxo o rexidor, representa moito do que é Neda. Obra do deseñador mugardés Antonio Fernández Fernández, gañador da pasada edición do Concurso de Carteis da Festa do Pan, é unha obra sinxela e moderna, que fuxe do abstrato e recoñecible do que é a real vila. A nova imaxe, explicou a edil, acompañará a documentación e comunicacións do Concello e se personalizará con cada unha das concellerías.

En todo caso, Montse Rico apuntou que o Concello mantén como obxectivo imprescindible a homologación do escudo e bandeira do municipio. E, para iso, sucédense as conversas con Heráldica da Xunta. Nesta liña, Ignacio Cabezón Lorenzo sinala que a Torre do Reloxo, cuxas obras de recuperación da fachada concluiron recentemente e tan só se está á espera de concretar a data de inauguración coa Consellería de Cultura, quen financiou as obras, representa na imaxe a historia de Neda, o Camiño Inglés, o Hospital de Peregrinos… Igualmente ocorre cos tellados en vermello do casco histórico que se ven reflectidos no escudo. E, as ondas en verde e azul, dan conta do mar, da montaña e do río Belelle.

22 de xaneiro de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.