publicidade hoxe

O Concello de Cedeira inicia as obras de ampliación do parque infantil da praza do Sagrado Corazón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+
Obras no parque infantil

Obras no parque infantil

As obras de ampliación do parque infantil da praza do Sagrado Corazón deron comezo esta mesma semana. Así, os operarios procedían no día de onte a instalar as vallas e a sinalización pertinente para acotar a área na que se levarán a cabo os traballos. É este parque un dos máis utilizados polos nenos e nenas do municipio, dado o seu estratéxico emprazamento, en pleno centro urbano. A intervención permitirá agora ampliar unha zona de xogos que, dende hai tempo, resulta escasa, tal e como lle ten trasladado ao Concello a veciñanza.

Deste xeito, o alcalde, Luis Rubido, sinalaba que o parque aumentará en superficie e posibilidades de xogo e abriráse ao uso de nenos e nenas de maior idade. As obras están orzamentadas en 21.453 euros e financiaránse con fondos propios municipais. Así mesmo, o prazo de execución estímase nunhas dúas semanas, que dependerá en gran medida das condicións meteorolóxicas que imperen.

Ata o momento, e sobre unha superficie de caucho, o parque conta con columpios, un tobogán, un elemento para trepar e unha pequena mesa de reunións infantís. A intención é sustituir o aparato de trepar, de cuestionable seguridade para os nenos e nenas, por unha pirámide de malla con capacidade para un maior número de rapaces e incorporar un aparato multifuncional que incluirá un circuito con pasarela. Así mesmo, os traballos tamén levarán consigo a ampliación da zona delimitada de caucho para dar cabida aos novos xogos. Unha vez realizada esta intervención, a intención do Concello é continuar mellorando este tipo de infraestructuras, actuando en outros espazos para dar cumprimento ás demandas trasladadas e ás necesidades detectadas.

13 de xaneiro de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.