publicidade hoxe

O Concello de Cedeira informa das obras de posta en valor da arquitectura de San Andrés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira informou esta mañá das obras de recuperación e posta en valor de elementos arquitectónicos singulares como hórreos e fontes en San Andrés de Teixido, o pintado de vivendas, a mellora da accesibilidade e a construcción de novos postos de venda acordes co entorno. Un paquete de actuacións que nace do convenio de colaboración suscrito entre o alcalde, Luis Rubido, e a Axencia de Turismo de Galicia, e que vén precedido de encontros entre o equipo de goberno municipal, representantes da Xunta e dos propietarios dos postos ubicados no entorno do santuario cedeirés. Así as cousas, e en virtude dese acordo, a Administración aporta o 100% dos preto de 160.000 euros nos que están orzamentadas as intervencións en marcha.

O rexidor explicou que os traballos comezaban hai unhas semanas e se prevé que conclúan no primeiro trimestre do ano. O obxectivo, engadiu, é pór en valor este enclave único en Galicia, centro de peregrinaxe, erradicando o feísmo e convertindo o lugar nun exemplo da arquitectura galega, potenciando ao tempo o seu poder turístico. Para iso, unha das actuacións é a construcción de novos postos de venda en base a un estudo previo arquitectónico asinado por Pablo Tomé e Oscar Alba, que permitirá homoxeneizalos e dotalos de personalidade propia, tendo moi presente o seu entorno. Quince en total, construídos en madeira e pedra. Así mesmo, e tras levar a cabo nunha fase previa a mellora das fachadas dunha veintena de vivendas unifamiliares enclavadas en Teixido, os traballos en curso inclúen o pintado duns dez inmobles e dunhas sete edificacións anexas. Intervención que completa a anterior e dá unidade estética á zona a partir dun estudo cromático no que predominaron as cores branca e terracota.

A recuperación de elementos singulares como os hórreos, moi presentes en Teixido, constitúe outro dos puntos fortes da intervención. Así, estánse a rehabilitar unha decea deste tipo de edificacións, cunhas superficies que oscilan entre os seis e os vintecinco metros cadrados. Ademáis, a actuación tamén permite recuperar a Fonte Mural do Lavadoiro. Unha peza de 1933 que se someteu a labores de limpeza, recuperación da súa instalación hidráulica e acondicionamento exterior. Por último, e entre os traballos xa rematados, están as obras de accesibilidade. A través das mesmas, construíronse novas escaleiras de acceso ao templo na zona do adro, acondicionáronse as barandillas e mellorouse a rampa de acceso.

19 de xaneiro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.