publicidade hoxe

O alcalde de Neda avanza que o Concello instalará tela asfáltica na cuberta do centro de saúde cando o tempo o permita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, informou esta mañá da intención do Concello de acometer unha obra de acondicionamento na cuberta do centro de saúde do municipio que, a grandes rasgos, contemplará o levantamento da tella e a colocación dunha tela asfáltica. Unha intervención coa que se pretende dar solución, provisionalmente, ao problema de filtracións no centro en tanto en canto a Consellería de Sanidade non proceda á renovación da cuberta. Medida que porá remedio definitivamente á problemática e que, durante meses, leva xestionando ante o Sergas.

Nesta liña, Cabezón Lorenzo matiza que a intervención agora prevista polo Concello só se poderá levar a cabo cando mellore o tempo. Aínda así, avanza a súa execución consciente da preocupación trasladada no día de hoxe por usuarios do centro. En todo caso, suporá un esforzo económico moi importante para o Concello, que asume porque o goberno municipal prima neste caso proporcionar unha boa atención aos veciños por riba de competencias. E é que se ben o Concello é responsable do mantenemento do centro, as obras de rango maior son responsabilidade da Consellería de Sanidade. En todo caso, o alcalde asegura que o Concello non ten capacidade económica para afrontar unha obra do calado necesario para solucionar as filtracións como é a renovación de toda a cuberta das instalacións. E, por isto, o rexidor leva meses en negociacións co xerente da Área Sanitaria para que asuma a inversión.

30 de xaneiro de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.