publicidade hoxe

O alcalde de Cedeira informa da adxudicación das obras de captación e abastecemento a San Andrés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá da adxudicación das obras de captación e abastecemento a San Andrés de Teixido. Unha intervención estratéxica que comezará nas próximas semanas cun orzamento superior aos 144.000 euros e que co financiarán a Deputación provincial da Coruña (o 80%) e o Concello de Cedeira (o 20% restante). Será así grazas a un convenio de colaboración suscrito entre ambas administración. Esta actuación vénse a sumar a outras de calado e que proban a aposta de Xunta, Deputación e Concello por este entorno único, centro turístico destacado no mapa de Galicia.

Así, cun orzamento de 160.000 euros, a Axencia de Turismo de Galicia está a executar diferentes actuacións para mellorar elementos arquitectónicos singulares de Teixido, mellorar a estética das vivendas, a súa accesibilidade ou os postos de venda de artesanía; a Deputación colabora co Concello nesta última actuación para facilitar un servizo básico á veciñanza, mellorando a súa calidade de vida, namentras que o Concello levará a cabo a curto prazo un proxecto de mellora da área recreativa de Teixido por valor duns 30.000 euros. Así, as obras adxudicadas permitirán a captación das augas dende a coñecida como Fonte dos Romeiros ata o núcleo de poboación, que xa dispón da rede necesaria para abastecer ás vivendas unha vez que estas procedan ao enganche.

Deixarán así de verse na obriga de recurrir a pozos privados para acceder ao servizo. Os traballos contan cun prazo de execución de tres meses. Así mesmo, o alcalde asegura que se trata dunha inversión que tamén facilitará o desenvolvemento turístico da zona. E é que as obras garanten un servizo que facilitará o crecemento da hostelería no lugar, aumentando os servizos e reclamos de San Andrés.

30 de xaneiro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.