publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Melide acolleu a asemblea anual da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMelidePortada dereita
A-
A+
A estornela (billarda), recuperada polas Mulleres Estornelistas de Esteiro e pola Liga Nacional da Billarda

A estornela (billarda), recuperada polas Mulleres Estornelistas de Esteiro e pola Liga Nacional da Billarda

A ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL, colectivo pioneiro na recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais galegos, celebrou a súa XI Asemblea anual este sábado nos locais da “Adega Mandil”, en Melide. A AGXPT foi fundada no ano 2003 coa finalidade de investigar e divulgar os xogos tradicionais, cunha dobre finalidade. Por unha parte, conseguir que os xogos fosen considerados constituíntes de pleno dereito do patrimonio colectivo dos galegos e das galegas. Por outra, recuperar as prácticas lúdicas tradicionais para o día a día, sobre todo das camadas máis novas da poboación, aínda que non só.

Ao longo destes 11 anos de vida, a AGXPT desenvolveu máis de 400 actividades de divulgación e posta en valor dos xogos tradicionais. Tales actividades foron desenvolvidas en centros de ensino, en foros de debate sobre o propio patrimonio lúdico, en feiras e festas, en actividades de formación dos educadores/as, na tres Universidades galegas… Particularmente, a AGXPT organizou ata o momento un total de cinco cursos de formación propios, dirixidos ao profesorado e aos educadores/as en xeral, que foi sempre moi ben acollido.

Entre os logros da AGXPT ao longo destes anos, está o de ter contribuído decisivamente –xunto con outras organizacións e iniciativas ao longo de todo Galicia– a que os xogos tradicionais sexan considerados hoxe, en efecto, como un sinal de identidade dos galegos e das galegas, e mesmo a que a súa práctica ordinaria xa non sexa hoxe froito dun día nin algo anacrónico. Proba evidente son, por exemplo, a cantidade de nenos e nenas galegos que recuperaron para a vida ordinaria no outono, o xogo do peónbuxaina, trompo, sevillana…–, por exemplo.

Para os próximos anos, a AGXPT pretende profundar nas liñas de traballo que veu desenvolvendo, particularmente no que fai referencia ás actividades de campo, sobre todo dirixidas aos nenos/as e ao profesorado, pero pretende tamén iniciar, en coordinación con outras entidades galegas, novas liñas de acción institucional que permitan deseñar unha estratexia global de recuperación do xogo tradicional, tal e como xa se intentou co Plan Estratéxico dos Xogos Tradicionais, elaborado no seu día e no que a AGXPT tivo un papel destacado. Paralelamente, é intención da AGXPT, provocar unha maior atención por parte dos medios de comunicación ao patrimonio lúdico..

A AGXPT está integrada desde hai anos na ASOCIACIÓN EUROPEA DE XOGOS E DEPORTES TRADICIONAIS, unha entidade transnacional que pretende coordinar liñas de traballo entre os colectivos do continentes que teñen a recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais como obxectivo das súas actividades. A través desta entidade, a AGXPT mantén realcións estables cun cento de organización de todo o mundo, desde México a Corea, pasando por África e, desde logo, por toda Europa.

10 de xaneiro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.