publicidade hoxe

Malpica de Bergantiños e Malpica de Tajo celebrarán o mesmo día pleno de aprobación do irmandamento

Representantes de Malpica de Bergantiños en Malpica de Tajo

Representantes de Malpica de Bergantiños en Malpica de Tajo

Despois de tres días moi intensos, hoxe remata a viaxe do alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e do concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo Garrido, a Malpica de Tajo (Toledo). A estancia dos representantes do noso concello coincidiu coa celebración das tradicionais festas de San Sebastián no pobo toledano, que conserva tradicións ancestrais e convértese cada ano por estas datas nun importante destino turístico dentro da comunidade de Castela-A Mancha. Pero o motivo fundamental do desprazamento foi avanzar nos trámites do próximo irmandamento entre ámbolos municipios homónimos.

Segundo explicou Eduardo Parga, os representantes dos dous concellos decidiron celebrará o mesmo día o pleno extraordinario no que se formalizará a relación iniciada hai agora un ano. A data fixarase en breve, tan pronto como por parte dos servizos técnicos municipais estea completada a documentación. A partir dese momento intensificaranse os contactos entre Malpica de Bergantiños e Malpica de Tajo en materia de cultura, deporte, empresa e turismo.

Tanto o alcalde como o concelleiro malpicáns destacaron a excelente acollida que les ofreceron en Malpica de Tajo, onde tiveron unha participación moi activa nos actos oficiais das festas de San Sebastián e visitaron as importantes bodegas da localidade.

22 de xaneiro de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.