publicidade hoxe

Licitan a redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici a executar nas estradas autonómicas da comarca de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesBoqueixónSantiago de CompostelaTeoVal do DubraVedra
A-
A+

A Xunta de Galicia licita hoxeun contrato destinado a analizar os treitos de estradas autonómicas de Santiago e a súa comarca nos que resulta conveniente executar sendas peonís ou vías ciclistas en estradas de titularidade autonómica para fomento da mobilidade sostible. O goberno autonómico inverterá máis de 100.000 € na redacción do estudo, no que se proporán actuacións concretas que favorezan os desprazamentos a pe ou en bicicleta. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar un investimento de máis de 28 millóns de € de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.

Este contrato enmárcanse nun conxunto de actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver para impulso das formas de transporte menos contaminantes, das que se derivarán importantes melloras medioambientais ao reducir a pegada de carbono.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a traballar no só acometendo melloras na rede viaria que faciliten a migración cara os desprazamentos en bicicleta ou peonís, senón tamén na adopción de medidas que favorezan a utilización do transporte colectivo (como a execución de aparcadoiros disuasorios) ou de medios de transporte público, mediante o plan de transporte metropolitano, que xa está implantado na área da Santiago.

Mediante o estudo que hoxe se licita se analizará a situación actual en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas na rede de estradas autonómica, e se proporán actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana mais sostibles.

De xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana – rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido. Ordenando os distintos modos de transporte mellorarase ademais a seguridade viaria, estabilizando a circulación con velocidades mais homoxéneas e menores interferencias entre os distintos usuarios das estradas.

A área de estudio centrarase na comarca de Santiago, formada polos seguintes concellos: Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, polo que o contratos licitado no día de hoxe suporá un beneficio para os máis de 500.000 habitantes desta comarca.

O orzamento de licitación deste contrato de servizos, IVE incluído, será de 102.943,88 €, e o prazo para a redacción dos estudos iniciais e dos posteriores proxectos será de 12 meses.

Ademais Ademais deste contrato, a consellería licita tamén no día de hoxe outro estudo para identificación de sendas na comarca da Terra Cha, ao que hai que engadirlles os licitados recentemente para as comarcas de Vigo, A Coruña, Bergantiños, O Salnés e Ferrol.

Estas sete áreas de estudo foron seleccionadas tendo en conta o resultado dunha análise multicriterio na que se valoraron, para cada comarca galega, a poboación, a lonxitude da rede autonómica e dos treitos urbanos de estrada, e os incidentes rexistrados nos últimos anos nos que se viron involucrados peóns.

Traballos a desenvolver mediante o contrato

O contrato que hoxe licita a Axencia Galega de Infraestruturas comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Santiago, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.

O estudo inicial de identificación de sendas centrarase en relacionar os focos de atracción de peóns e/ou ciclistas (incluíndo focos de tipo comercial, sanitario, relixioso, deportivo, lúdico, industrial, residencial,…) cos seus puntos de xeración correspondentes (fundamentalmente residenciais). A continuación, deduciranse as rutas peonís e/ou ciclistas que os deberían de unir, identificando aquelas xa existentes, as xa planificadas, e outras onde podería ser necesario executar algún tipo de senda.

A continuación, realizarase unha análise comparativa da oportunidade de executar cada un dos treitos de senda identificados, para xerarquizar a proposta de actuación. Para apoiar o sistema de selección, incluirase unha estimación dos obxectivos a acadar coas actuacións propostas, segundo os indicadores que estableza a administración.

Finalmente, redactaranse un proxecto de construción no que se definirán as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Co fin de favorecer a integración paisaxística e ambiental das sendas, na redacción dos proxectos de construción aplicaranse criterios para a súa correcta integración no territorio.

Outras actuacións da CMATI para fomento da mobilidade sostible

Galicia acolle un territorio caracterizado por unha elevadísima dispersión da poboación, o que deriva na existencia de gran cantidade de estradas. Ademais, os bordes das infraestruturas viarias teñen servido no pasado en Galicia como apoio ao crecemento dos núcleos de poboación, o que ten favorecido a utilización indiscriminada dos vehículos privados, mesmo para desprazamentos de curto percorrido.

A Consellería de Medio Ambiente está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes, coma as que se desenvolverán a raíz do estudo que hoxe se licita.

No capítulo de fomento do transporte menos contaminante, o plan de transporte metropolitano da área de Santiago, xa implantado, está a colaborar de xeito definitivo na potenciación do transporte público interurbano, ao reducir os custes do transporte.

Para favorecer o uso do transporte público e a utilización compartida dos vehículos fronte ao uso individual, a consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licitou o pasado venres, 5 de xaneiro o contrato para a execución dun aparcamento disuasorio na zona de Pontepedriña, nunha parcela proposta polo Concello de Santiago situada baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación de ffcc, e nas inmediacións do no de Cornes da SC-20 e da glorieta de Galuresa, polo que conta cunha boa conexión coa rede viaria e ferroviara de Santiago.

Con estas actuacións, o executivo autonómico pretende fomentar prácticas e comportamentos mais respectuosos co medio ambiente, facilitando ou facendo posible a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios.

7 de xaneiro de 2015 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.