publicidade hoxe

Lete Lasa recibe os participantes nos campionatos escolares de España de Balonmán 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Foto de familia cos participantes nos campionatos escolares

Foto de familia cos participantes nos campionatos escolares

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, gabou “o pavillón ben alto” que deixaron os nosos deportistas nos recentes campionatos de España en Idade Escolar, na modalidade de Balonmán, nos que obtiveron unha medalla de ouro, dous de bronce, un quinto posto e dous sextos.

No acto celebrado na Casa do Deporte en compañía do presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, e doutros directivos da entidade, Lete Lasa animou aos xogadores das categorías infantís, cadete e xuvenís a seguir no mundo do deporte, “que é serio, pero tamén é do máis divertido” e no que “aínda que ás veces poida parecer duro, sempre ten recompensa”, en ocasións en forma de bos resultados competitivos, pero sempre en forma de diversión e gozo, aprendendo a traballar en equipo, a xogar limpo, a respectar ao adversario e sendo quen de superar as metas.

Asegurou que cos bos resultados acadados nos encontros de Castellón dos días 1 ao 7 deste mes, eles tamén levan moi alto o nome de Galicia no exterior, ao igual que o fan os grandes campións olímpicos e do mundo como Tamara Echegoyen, Javier Gómez Noya ou David Cal e tantos outros, incluída a xogadora de balonmán Begoña Fernández, medalla olímpica en Londres 2012.

O responsable de Deportes da Xunta rematou facendo extensivo o seu recoñecemento e agradecemento aos dezaoito técnicos que acompañaron aos seis equipos da selección galega por levar a cabo unha tarefa “dunha responsabilidade crucial para o desenvolvemento do deporte galego e, máis importante, para o desenvolvemento persoal dos rapaces e rapazas”, grazas ao seu traballo comprometido de motivación e orientación aos máis novos.

Campionato de España de Balonmán 2015

Nos campionatos escolares de balonmán por seleccións autonómicas Galicia estivo representada nas seis categorías, é dicir, infantil, cadetes e xuvenís, tanto femininos como masculinos, competindo contra equipos de todas as comunidades autónomas e clasificándose os seis para xogar as fases decisivas.

Na categoría infantil feminina as galegas proclamáronse campioas de España logo dun disputado partido contra o Valencia e gañando por 25-22 a pesar da exclusión dunha das nosas xogadoras. As cadetes e as xuvenís foron bronce e quinto posto respectivamente, mentres que no caso dos equipos masculinos obtiveron resultados igualmente meritorios, cun bronce na categoría xuvenil e o sexto posto tanto para os cadetes como para os infantís.

26 de xaneiro de 2015 | 21:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.