publicidade hoxe

Instálase un colector da ONGEquusZebra no Ventorrillo para recoller roupa e calzado usados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+

Hoxe quedou instalado no Ventorrillo un colector da ONGEquusZebra para que os veciños e veciñas de Malpica poidan depositar roupa e calzado usados. A iniciativa enmárcase no convenio asinado hai case un ano entre o Concello e a organización coruñesa, que traballa pola integración dos inmigrantes e que desenvolve proxectos encamiñados a lograr o desenvolvemento de países empobrecidos. O seu presidente, VíctorOmgba, estivo hoxe en Malpica, onde foi recibido polo alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, MarisolBlanco Gorín, e o tenente e alcalde, Miguel Fernández.

Os representantes municipais valoraron de forma moi positiva o labor solidario que desenvolve a entidade e expresaron a súa confianza na colaboración dos veciños do municipio para contribuír a ese traballo.O colector de EquusZebra, de cor laranxa e uns 300 quilos de capacidade,está situado xunto ao Centro Cívico. Os veciños poderán depositar no recipiente roupa de vestir e do fogar, bolsos, cintos e xoguetes. A ONG aconsella a utilización de bolsas de lixo pequenas, de ata 50 litros de capacidade. A roupa debe estar limpa e seca, xa que a que ten manchas ou está húmida non pode reciclarse. Tamén pide que non se mesturen roupa e calzado ou marroquinería na mesma bolsa.

A ONG coruñesa recupera cada mes unhas 40 toneladas de roupa usada. Os textís son trasladados á planta de EquusZebra no polígono da Grela, na Coruña, onde se clasifica e se revaloriza. Deste xeito, a de mellor calidade vai destinada á venda nas tendas de segunda man que a entidade ten na cidade ou a familias necesitadas. A roupa aproveitable é enviada a África para situacións de emerxencia e para proxectos asistenciais de cooperación ao desenvolvemento; a que está deteriorada véndese a empresas de reciclaxe para facer trapos, recheos para colchóns e outros produtos, e unha mínima parte, que é inservible, acaba no colector de lixo.

16 de xaneiro de 2015 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.