publicidade hoxe

Finalizan as tarefas de acondicionamento dunha aula no pavillón de Calo para a práctica de taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Aula reformada

Aula reformada

O edil de Deportes, Anxo Rey, estivo esta mañá no pavillón de Calo onde vén de instalarse un tatami para a práctica de deportes como o taekwondo. Con esta compra complétase a mellora dunha sala na parte baixa do polideportivo que tiña serios problemas de humidade.

Segundo explica o edil nos últimos meses “acometeuse primeiro o máis urxente, que foi illar as paredes deste espazo e rematouse coa instalación de elementos como as barras, os espellos ou o tatami o que permitirá usalo para a práctica de diferentes disciplinas deportivas”. O pavillón de Calo e esta zona en concreto xa se está utilizando para as clases das escolas deportivas municipais, polos escolares do CEIP A Igrexa Calo e mesmo para actividades programadas pola ANPA.

O ano pasado o Concello xa pintara a pista central do pavillón, moi necesario polo desgaste que sofre o pavimento co uso, e arranxáronse elementos nos vestiarios. Pero quedaba pendente rematar a mellora do local no que xa se está practicando taekwondo así como instalar unha varanda exterior nos laterais da entrada principal do edificio.

Unha vez rematado o illamento só faltaba a instalación do tatami puzle en dúas cores que ocupa case toda a superficie do local. Segundo está colocado mide 9 metros por 5 metros e quedan planchas sen colocar que permitirán que para as competicións se poida pór na pista central do polideportivo chegando a medir 8 metros por 6 metros. A aula queda tamén lista para realizar clases de danza ou ballet coa instalación de barras nos laterais.

Anxo Rey destaca a importancia “dunhas obras de mellora necesarias para contar con infraesturas deportivas municipais que responden á alta ocupación que teñen”.

14 de xaneiro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.