publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Final feliz para tres cans abandonados que se atopaban no Centro da Armenteira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaMosPontevedraRedondela
A-
A+

Transcorreron xa case dous anos desde que se puxo en funcionamento o Centro de Acollida e Protección de Animais Abandonados da Armenteira (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra. En todo este tempo, moitas e moi diversas son as historias que acompañan os animais recollidos a diario neste centro de acollida.

Con todo, entre todas elas destacan historias de pequenos peludos que cambiaron a súa sorte co seu paso polo centro, e tamén a vida das persoas que deles se fixeron cargo. Destacan as protagonizadas por Priscila, Apolonio ou Lela.

A pequena Priscila foi recollida polo persoal do CAAN no concello de Redondela o 15 de maio de 2014, despois de ser atropelada e abandonada na estrada coa cadeira rota. Os primeiros días foron moi difíciles para ela, pero pouco a pouco, grazas ós coidados recibidos, conseguiu recuperarse por completo e converteuse nunha cadeliña doce e xogadora, a preferida polo persoal do CAAN. A alegría chegou ó seu punto máximo o pasado mes de setembro, cando Priscila foi adoptada por Rocío Antón.

Apolonio, un galgo de avanzada idade, entrou nas instalacións do CAAN o 30 de agosto de 2014 procedente de Cotobade. O estado que presentaba era lamentable, cunha fractura aberta nunha pata gravemente infectada, unha orella amputada e sen un ollo. Apolonio era un can esquivo e medorento, posiblemente a consecuencia da dor que padecía. Por sorte, Apo caeu nas mans de Luis Carrasco e a súa esposa, que se ofreceron a adoptalo e darlle unha segunda oportunidade.

O estado da fractura imposibilitou a recuperación da extremidade, que tivo que ser amputada nunha intervención cirúrxica. En pouco tempo Apo deixou de asustarse ante a presenza de persoas e converteuse nun animal moi cariñoso que gozaba paseando en compañía de calquera membro do equipo. 

Unha das últimas historias de superación protagonizouna Lela, unha Setter inglesa (recollida en Mos) que entrou o 24 de novembro de 2014 cunha pata completamente desgarrada, despois de que lle pasase por riba a roda dun coche.

Tras longos meses de tratamento e insistentes curas, Lela acadou a súa recuperación e volveu camiñar. Hoxe en día agarda por unha familia que lle brinde a posibilidade de ter un fogar.

Estas historias contan cun final feliz, o que nos dá forza para seguir adiante co noso esforzo e traballo. Pero non nos debemos esquecer de que moitos cans deambulan diariamente polas rúas, sen alimento e sen un fogar onde se refuxiar. Certo é que estes poden representar un problema hixiénico e sanitario, mesmo un risco para a seguridade das persoas, pero non debemos esquecer que esta condición non foi escollida por eles, senón que é a man do home a que sempre está ligada ó abandono dos animais domésticos. Por este motivo é necesaria a colaboración de todos para conseguir resultados na loita contra o seu abandono, fomentando a tenza e adopción responsables.

Os responsables do centro invitan a calquera persoa interesada en adoptar a que visiten o centro, consulten a páxina www.caan.depo.es ou chamen por teléfono ó 986 140 360, onde será puntualmente informada.

Lembremos que a adopción non ten ningún custo para o interesado, premiándose así a decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN sonlles entregados ós seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados.

Por iso a Deputación de Pontevedra aposta decididamente pola adopción poñendo en marcha distintas campañas de sensibilización. A deste ano,  E ti, de quen vés sendo?, ten como premisa fundamental a concienciación dos máis pequenos sobre os coidados dos cans e o fomento da identificación dos animais. Desde que se puxo en marcha a campaña, o pasado 20 de novembro, foron 70 os cans que encontraron un novo fogar, é dicir, máis de 1 can ó día ; e desde que o CAAN abriu as súas portas foron máis de 600 os animais adoptados.

A gravidade do problema do abandono dos animais dedúcese das máis de 4.000 intervencións que, nos seus case dous anos de funcionamento, realizou o CAAN, o que quere dicir que os operarios do centro acudiron a chamadas alertando de cans abandonados practicamente seis veces ó día.

19 de xaneiro de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.