publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Demolición voluntaria dunha edificación en solo rústico no concello de Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerdaViveiro
A-
A+

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) vén de constatar a execución voluntaria dunha edificación en solo rústico de especial protección forestal, no concello de Viveiro.

Trátase dunha construción de dous andares (planta baixa e planta alta), realizada cunha estrutura e acabados de madeira e cun balcón na planta alta, cuxas características responden a un uso de recreo, asimilable a un uso residencial, sen vinculación a unha explotación agrícola ou gandeira situada no lugar de Chavín, onde este tipo de edificacións están totalmente prohibidas.

Tras unha denuncia, a APLU comunica o inicio dun expediente, que ten data de incoación de novembro de 2014, debido á execución dunhas obras en solo rústico sen a perceptiva autorización urbanística autonómica e sen licenza municipal. Ante esta situación, o interesado procedeu á demolición da edificación, incluso ante da resolución do expediente e sen necesidade de poñer multas coercitivas e sen a imposición de sancións.

Dende a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sinálase que este tipo de actitudes demostran que cada vez máis a sociedade é consciente da necesidade de coidar e protexer o territorio galego fronte aos delitos urbanísticos, asumindo a parte de responsabilidade e de colaboración desta labor de protección que, cada vez máis, está presente na conciencia do galegos.

O obxectivo da APLU é contribuír a ordenar e protexer o territorio galego, crear unha conciencia social de acatamento normativo e de respecto pola natureza e o coidado do medio.

En definitiva, a finalidade da APLU é velar polo uso racional do solo consonte ao que dispón a normativa reguladora do urbanismo e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo.

Nas seguintes imaxes amósase o antes e o despois da demolición desta vivenda construída en solo rústico de protección.

24 de xaneiro de 2015 | 09:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.