publicidade hoxe

Curtis estudará as novas queixas veciñais para que se retire a fonte situada fronte á Casa Consistorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Vista da fonte

Vista da fonte

O Concello de Curtis recibiu un escrito asinado por numerosos veciños no que se esixe a retirada da fonte situada na Praza de España de Teixeiro. Esta petición súmase ás numerosas reclamacións que nos últimos meses se están a facer chegar de xeito verbal aos responsables municipais.

A instalación desta fonte na década dos 90 xa causou controversia entre a cidadanía non só xa por cuestións de estética, senón polo gasto que supón o seu mantemento, arranxo e limpeza para que non se converta nun foco de infección. Ademais, os veciños tamén alegan os inconvenientes da súa situación nunha praza na que se organizan as feiras e mercados, ademais de ser o centro, ao estar situada en fronte da casa consistorial, de moitas das actividades que se desenvolven durante as festas, xa sexa as patronais, as da Xuventude ou as que organizan as distintas asociacións. A súa gran dimensión reduce a superficie útil da praza e dificulta a situación de elementos necesarios como as carpas.

O Concello entende estas queixas xa que a fonte supón unha perda de espazo importante nunha das prazas con máis actividade de Teixeiro e unha molestia na organización das actividades. O Goberno local estudará as reclamacións dos veciños, e informará delas o resto dos cidadáns para que, os que o desexen, poidan manifestar a súa opinión por escrito.

23 de xaneiro de 2015 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.