publicidade hoxe

Coristanco aplicará a exención do imposto de plusvalías nos casos de dación en pago da vivenda e execucións hipotecarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristanco
A-
A+

O goberno municipal de Coristanco presentará no pleno do vindeiro mércores un proxecto de modificación da ordenanza fiscal 17, reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, coñecido popularmente como imposto de plusvalías e que se aplica ás transmisións de bens inmobles. O executivo atenderá as demandas veciñais e aplicará as exencións previstas na lexislación actual, que se refiren, fundamentalmente, aos supostos de dación en pago da vivenda e de execucións hipotecarias xudiciais ou notariais. Deste xeito evitarase que cando a casa pasa a mans do banco houbese que pagar a Facenda polo suposto beneficio fiscal.

Ademais de incorporar as posibilidades de exención previstas na lei, o goberno municipal de Coristanco propón modificar a ordenanza para aplicar o mesmo nivel de porcentaxes, tipo impositivo e bonificación que o Concello de Carballo, que se toma como referencia. Deste xeito haberá unha redución en todos o casos, e ademais aplicarase unha bonificación do 95 % nas transmisións realizadas a título lucrativo por causa de morte a favor dos descendentes, cónxuxes e ascendentes.

O ano pasado realizáronse no municipio de Coristanco 43 liquidacións por un importe total de 22.000 euros: 10 escrituras de compra-venda por importe de 5.795 euros (cos novos valores produciríase unha redución de 1.445 euros) e 33 de herdanzas e doazóns por valor de 16.250 euros (aplicando as novas porcentaxes habería unha redución de 15.600 euros). A proposta conta co informe favorable do servizo de Intervención municipal dado que non afectaría á estabilidade orzamentaria. A aplicación da ordenanza sería inmediata, tras a súa publicación no BOP.

Imposto sobre vehículos de tracción mecánica

No pleno do mércores tamén se someterá á consideración da corporación a proposta do goberno municipal para modificar a ordenanza fiscal número 15, reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Neste caso proponse a inclusión dunha bonificación do 100 % para os vehículos catalogados como históricos ou que teñan unha antigüidade mínima de 25 anos. Para beneficiarse desta medida, os contribuíntes terán que presentar unha solicitude expresa achegando a documentación acreditativa.

Segundo os cálculos dos servizos municipais, a modificación da ordenanza afectará a preto de 200 vehículos, o que suporía unha redución de ingresos duns 10.000 euros. A nova ordenanza entraría en vigor o 1 de xaneiro do 2016.

23 de xaneiro de 2015 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.