publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou as actuacións levadas a cabo en Forcarei coas axudas do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Forcarei

Cores Tourís na visita a Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou en Forcarei o remate das obras de saneamento de San Miguel de Presqueiras, na parroquia de Outeiro, executadas a través do Fondo de Compensación Ambiental, acompañado pola alcaldesa do municipio, Belén Cachafeiro.

Esta obras supuxeron un investimento de case 165.500 euros sufragados grazas á Consellería de Presidencia, quen aportou o 100% do custo das mesmas, a través do Fondo de Compensación Ambiental procedente do canon eólico.

No caso deste concello do Tabeirós-Terra de Montes, estas obras supuxeron a execución do saneamento de San Miguel de Presqueiras, onde se dotou ao núcleo rural da recollida de augas ata unha estación depuradora. Leváronse a cabo traballos de movemento de terras, repúxose o firme, executáronse 21 pozos de rexistro e melloras na depuradora así como no seu peche. En total, instaláronse 525 metros de acometida, tanto de tubaxes de 200 como de 315 mm.

“A finalidade desta obra”, segundo apuntou Belén Cachafeiro, “foi evitar a proliferación do vertido de augas residuais sen depurar as parcelas da zona por parte das vivendas situadas neste lugar, co posible risco de contaminación progresivo do medio ambiente, o que supón un potencial perigo, tanto para a saúde das persoas como dos animais”.

En relación ao abastecemento neste lugar da parroquia de Outeiro, os traballos darán servizo a 25 vivendas, estimándose, segundo explicou a alcaldesa da localidade “que nun futuro poidamos incorporar a esta rede de saneamento a parroquia de Guisande que dará servizo a 150 habitantes”.

Na visita, o delegado territorial indicou que o fondo resulta un beneficio para as arcas municipais e, por ende, para todos os veciños, xa que está destinado a financiar iniciativas de mellora do medio ambiente. Neste sentido, Cores Tourís recordou que a convocatoria de 2014 supuxo un investimento de 9 millóns de euros, dos cales 1,2 corresponderon a concellos da provincia de Pontevedra, 306.600 na liña competitiva e 887.000 á non competitiva.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén destacou que o Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico. “Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego”, engadiu Cores Tourís. Dende que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.
Ademais, este Fondo reflicte o compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

José Manuel Cores Tourís, destacou tamén a nova orde para 2015, feita pública no DOG o pasado mes de decembro, a través da que se destinarán 8,3 millón de euros a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións. “A cantidade que corresponderá á provincia de Pontevedra no eido da liña non competitiva será de 838.961,13 euros para 19 concellos, que, por certo, tamén poderán optar a axudas a través da liña competitiva, como o resto de municipios de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico e conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros. Pola súa banda, á liña competitiva poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Esta liña é de 1,7 millóns de euros.

9 de xaneiro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.