publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as melloras acometidas no local cultural de O Buelo e na Casa da Cultura de Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Moraña

Cores Tourís na visita a Moraña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Moraña para comprobar o remate das obras de mellora na casa da cultura e no local cultural de O Buelo, executadas a través da orde de Infraestruturas para concellos de menos de 30.000 habitantes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na visita estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, así como polo xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro.

As obras tiveron un investimento de 50.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou 37.500 euros, é dicir, o 75% do total, e permitiron executar a cuberta do local cultural de O Buelo así como a construción dun soportal na porta principal de acceso á casa da cultura e a construción dunha beirarrúa polo lateral sur.

A alcaldesa explicou que ambas instalacións contan cunha alta intensidade de uso diario polo que “consideramos que era necesario ampliar e manter certas infraestruturas para que adoptasen un estado óptimo para a mellora da calidade do seu estado”.

Deste xeito, no caso do local cultural de O Buelo, Luisa Piñeiro recordou que se trata dun edificio situado a escasos metros do centro do pobo e que consta dunha soa planta dividida en tres salas e dous baños. “É un dos locais máis utilizados diariamente polas asociacións tanto para levar a cabo as diferentes actividades que realizan como para diferentes obradoiros”, explicou a rexedora. “Ademais, a Asociación de Música e de Baile Tradicional recibe alí as súas clases de música, e o local é usado tamén polo concello como Escola de Idiomas e para ofrecer cursos como o de arteterapia ou informática”, engadiu.

No caso da Casa da Cultura, consta de dúas plantas, na que se instala a biblioteca, exposicións, baños, almacéns e unha sala auditorio. “Debido a gran oferta cultural, este lugar convértese nun punto de encontro importante para o pobo, polo que se fixo imprescindible a construción dun soportal na porta principal que mellorase as condicións no hall cando chove e que permita resgardar ás persoas que asisten ás diversas actividades, así como construír unha beirarrúa no lateral sur, xa que esta zona se atopaba en formigón e en terra, dificultándose así o tránsito dos peóns”.

Pola súa banda, o delegado territorial recordou que estas infraestruturas puideron ser melloradas grazas a estas axudas a Infraestruturas para concellos de menos de 30.000 habitantes da Consellería de Presidencia. “En total, na nosa provincia víronse beneficiados 13 concellos, entre outros, Arbo, A Cañiza, A Estrada, Meaño, Silleda, Valga, O Rosal e Moraña, cun investimento de 483.500 euros dos cales 363.000 foron aportados pola Xunta de Galicia”. No ámbito autonómico, o investimento roldou o ano pasado os 2,4 millóns de euros dos cales 1,8 corresponderon á axuda da administración.

19 de xaneiro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.