publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as actuacións levadas a cabo en Agolada coas axudas do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de Agolada

Cores Tourís na visita ao Concello de Agolada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou en Agolada o remate das obras de abastecemento de augas ás parroquias de Esperante e Vilariño, executadas a través do Fondo de Compensación Ambiental, acompañado polo alcalde do municipio, Ramiro Varela.

Esta obras supuxeron un investimento de máis de 30.100 euros sufragados grazas á Consellería de Presidencia, quen aportou 21.077 euros, a través do Fondo de Compensación Ambiental procedente do canon eólico na liña competitiva. O concello tamén destinou fondos da liña non competitiva (17.757 euros) para a posta en marcha dunha brigada medioambiental para prevención de incendios. “En total, ambos proxectos supuxeron un investimento de 48.000 euros”, explicou Cores Tourís.

No caso deste concello do Deza, estas obras supuxeron a execución da rede de abastecemento de auga para as parroquias de Esperante e Vilariño, partindo da rede municipal xa existente. O ramal executado foi conducido a través dunha gabia de 0,60 metros de ancho por 0,80 de profundidade, albergando unha tubaxe de polietileno, seguindo as pistas asfaltadas de comunicación pola súa beira esquerda. En total instaláronse case 18 quilómetros de tubaxes.

En canto a creación dunha brigada ambiental, o alcalde da localidade asegurou que o obxectivo é “procurar manter dentro do ámbito de control, vixianza e bo estado os espazos naturais cos que conta o concello, incluíndose dentro do departamento de Vías e Obras”. Así, a brigada está conformada por dous traballadores que se dedican a labores de limpeza, e roza tanto á núcleos de poboación como a áreas de explotación económicas e industrias, previndo así os incendios forestais dentro do concello de Agolada, catalogado como de zona sensible e de alto risco.

Na visita, o delegado territorial indicou que o fondo resulta un beneficio para as arcas municipais e, por ende, para todos os veciños, xa que está destinado a financiar iniciativas de mellora do medio ambiente. Neste sentido, Cores Tourís recordou que a convocatoria de 2014 supuxo un investimento de 9 millóns de euros, dos cales 1,2 corresponderon a concellos da provincia de Pontevedra, 306.600 na liña competitiva e 887.000 á non competitiva.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén destacou que o Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico. “Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego”, engadiu Cores Tourís. Dende que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.
Ademais, este Fondo reflicte o compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

José Manuel Cores Tourís, destacou tamén a nova orde para 2015, feita pública no DOG o pasado mes de decembro, a través da que se destinarán 8,3 millón de euros a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións. “A cantidade que corresponderá á provincia de Pontevedra no eido da liña non competitiva será de 838.961,13 euros para 19 concellos, que, por certo, tamén poderán optar a axudas a través da liña competitiva, como o resto de municipios de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico e conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros. Pola súa banda, á liña competitiva poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Esta liña é de 1,7 millóns de euros.

21 de xaneiro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.