publicidade hoxe

Cores Tourís comproba a reforma da praza de abastos das Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á praza de abastos das Neves

Cores Tourís na visita á praza de abastos das Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou, en compaña do alcalde das Neves, Raúl Emilio Castro, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación. Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello das Neves, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

O proxecto para a reforma do mercado municipal das Neves supuxo un investimento de case 91.000 euros, dos cales 67.327 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís.

As obras consistiron na adecuación e modernización das instalacións, coa demolición dos postos existentes, a retirada de barras de aceiro inoxidables, a demolición da parede do fondo para aumentar a zona comercial e o picado do piso de toda a planta.

Tamén se instalou piso de formigón con tratamento antiesvarante, falso teito tipo desmontable, creouse unha zona de xestión de residuos, creouse un aseo para persoas con mobilidade reducida e instaláronse persianas, portas abatibles, fregadoiros para peixe, barra para fixación de básculas así como un cartel comercial MUPI. Finalmente, tamén se pintaron os paramentos verticais e se instalaron carteis comerciais sobre postos.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o das Neves, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a mellora desta praza de abastos, “xa que é un motor de dinamización comercial do noso municipio”.

16 de xaneiro de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.