publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cerceda é o primeiro municipio que se adhesiona á axencia de legalidade urbanística no 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de hoxe a sinatura do convenio de adhesión que permite que o municipio coruñés de Cerceda delegue na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo, que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.

A partir de agora, o concello mencionado delega na Axencia as súas competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística respecto das obras e usos do solo que se realicen en solo rústico, en solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Con esta adhesión serían 68 os convenios autorizados polo Consello da Xunta, e 62 os convenios asinados. Os concellos de Taboadela e Oia comunicaron a súa rescisión do convenio asinado no seu día.

Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas, serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 % restante ás administracións municipais.

Papel da Axencia

Para o Concello de Cerceda o presente convenio non comporta gasto ningún e o persoal do concello poderá acceder a información urbanística, consultas e formación de xeito gratuíto.

A axencia exercerá estas responsabilidades desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

A incorporación do municipios realizarase a través do correspondente convenio de adhesión, que deberá obter a previa aprobación do Pleno da Corporación (voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación a teor do artigo 215.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e do Consello da Xunta de Galicia) e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

8 de xaneiro de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.