publicidade hoxe

Cedeira adxudica por 83.000 euros as obras de mellora do vial que une o polígono da Trabe coa estrada provincial DP-2201

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou a adxudicación das obras de mellora do vial que une a estrada provincial DP-2201 co polígono industrial da Trabe. Un vial de 2,2 kilómetros e un ancho medio variable de entre 3,50 e 4,20 metros e que, á súa vez, comunica os núcleos poboacionais de Sisalde, San Miguel e Montemeao, todos eles na parroquia de Esteiro. Segundo o concelleiro de Obras, Alfredo Vilela, a intervención iniciaráse nos próximos días e conta cun prazo de execución de tres meses. A actuación está orzamentada en 83.000 euros. Nesta liña, Alfredo Vilela sinala que as obras iniciaránse coa limpeza das cunetas en ambas marxes do camiño e, a continuación, levaráse a cabo un rebacheo puntual naqueles lugares que sexa preciso.

A continuación, os traballos contemplan o reforzo do firme coa aplicación de regos asfálticos. Así mesmo, o concelleiro apuntou que o Concello completará esta actuación coa instalación de bandas reductoras para tentar rebaixar a velocidade á que circulan os vehículos polo vial. Concretamente, á altura do núcleo de San Miguel, con vivendas próximas á estrada. A maiores desta obra, o Concello ten previsto comezar nos próximos días, e sen abandonar a parroquia de Esteiro, varias obras: acondicionamento de pistas en Barral, Loureiros, A Costa; abastecemento e saneamento en San Isidro, Santallamar, A Costa; abastecemento en A Laboreña; acondicionamento de pistas en Campo da Cruz, e mellora de pistas en O Barral, Redemuiños, Campelo e Cordobelas. Sumaránse ás intervencións que concluiron nos últimos meses como a pavimentación das pistas municipais en Sisalde-O Toco ata Vila do Río (88.073 euros); abastecemento de auga a Hedreiros (43.959,49 euros), e acondicionamento de pistas en Cordobelas e Corbeiral (32.456 euros).

24 de xaneiro de 2015 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.