publicidade hoxe

Castrelo de Miño publica un calendario no que dá protagonismo ás mulleres do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de Miño
A-
A+

Voluntarios do Concello de Castrelo de Miño remataron de repartir nestes días por todas as casas do municipio o almanaque do ano 2015. 

O almanaque consta dunha páxina na que se recolle un directorio municipal con todos os contactos do Concello, e de 12 fotografías, unha por mes, con imaxes de tódalas parroquias e con protagonismo feminino na maioría delas.

As autoridades locais consideran que se trata dunha iniciativa coa que se pretende ‘promover a participación social e laboral das mulleres do ámbito rural’, segundo apuntou o alcalde Xurxo Rodríguez.

Deste xeito, hai veciñas de todas as idades de Castrelo de Miño participando de distintos xeitos:

– realizando a súa actividade laboral

– participando como voluntarias de proteccion civil

– estudando no colexio de Castrelo de Miño

– realizando actividades na biblioteca municipal

– participando no obradoiro de teatro municipal

– participando no voluntariado ambiental xuvenil

– participando en probas deportivas…

Con esta iniciativa promocionase tamén o programa Aurora, que comezou en 2014 e terá continuidade ata setembro de 2015. Un programa no que se promove a participación social e laboral das mulleres do ámbito rural.

Este é o quinto ano que se leva adiante esta iniciativa. Neste ano 2015 voltou a repetirse a edición e reparto do almanaque, xa que foi unha das iniciativas máis demandadas polos veciños e veciñas de Castrelo de Miño. De feito, como se pode apreciar recolleronse varias solicitudes e suxestións veciñais aos almanaques de anos anteriores para melloralos:

– Un recadro en branco en cada día para poder facer anotacións

– Incorporación do santoral, con todos os nomes en galego.

– Indicacións das datas do cambio de estacións

– Indicación das datas do cambio de hora no inverno e no verán

– Indicación das datas da feira de Castrelo de Miño.

– Incorporación dun listado municipal con todos os contactos do Concello de Castrelo de Miño.

Ademais este almanaque do ano 2015, foi un calendario feito polos propios veciños, xa que se contou coa colaboración desinteresada de moitos veciños que foron achegando as súas fotografias.

Fases lunares

Ademais, apuntan as autoridades municipais que se puxo especial empeño durante a súa elaboración en reflexar as distintas fases lunares para que os veciños coñezan os momentos óptimos para a realización das diferentes labores do campo. Por outra banda, o rexidor destaca que ‘tamén ten unha función turística e promocional fóra de Castrelo de Miño’, xa que está previsto a súa distribución en distintas feiras turísticas’.

A primeira delas, será a presentación que se realizará na Feira de Castrelo que terá lugar o vindeiro domingo 25 de xaneiro.

23 de xaneiro de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.