publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carballo e outros oito concellos organizan o cuarto Club de Debate para o fomento da lingua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesCarballoFerrolLocal PortadaNegreiraO CarballiñoPontevedraRoisSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Presentación do Club de Debate

Presentación do Club de Debate

Por cuarto ano consecutivo diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), poñen o marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico. Hoxe, mércores 21 de xaneiro, as persoas representantes dos concellos que fan posible este programa asinaron en Carballo a addenda ao protocolo de colaboración co que se organiza este proxecto desde o curso 2011-2012. Os concellos participantes son nove: Ames, O Carballiño, Carballo, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación confirmada é de 23 equipos mixtos e mais de 200 rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de 16 centros de ensino. Despois de pasar a final galega do Club por Pontevedra, Santiago e Ferrol, nesta cuarta edición será Carballo o concello encargado de acollela, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía do país. A cita terá lugar o domingo 26 de abril no Pazo da Cultura.

O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, desexou que “xa que Carballo é o equipo da casa chegue ata a final”, e mesmo que chegue a ser o campión. Regueira estivo acompañado no acto de sinatura polo Tenente de Alcalde de Rois, Manuel dos Santos; o Concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; e polas técnicas de Normalización de Rois e Negreira, Inma Seage e Carme Pereira. Manuel dos Santos quixo subliñar a utilidade da experiencia para os rapaces e rapazas “non só polo fomento do galego, senón tamén para completar a súa formación” con valores como o “respecto”. Dende Pontevedra, Demetrio Gómez resaltou a función do Club de Debate como unha “lección de compañeirismo” para os seus participantes, así como un “proxecto estratéxico” para loitar contra “o abandono que está vivindo a lingua por parte da xente máis nova”.

Respecto do funcionamento do Club, está previsto que cheguen á final seis equipos, que serán os dous primeiros clasificados de cada unha das tres zonas en que se divide a competición: 1. Carballo (que presenta tres equipos, dous do IES Alfredo Brañas e un do IES Parga Pondal), Ferrol e Negreira. 2. Ames, Rois e Santiago de Compostela. 3. O Carballiño e Pontevedra. Cada un dos equipos participantes está formado por entre 4 ou 10 rapaces e rapazas de 3º ou 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, sempre que sexan menores de 18 anos. Os equipos son sempre mixtos e están coordinados por un preparador ou preparadora, que é un/unha docente do centro de ensino.

O premio é unha viaxe multicultural para 20 persoas

Todos os grupos participarán previamente aos debates nunha xornada de formación que en cada zona ou localidade ten lugar nunha data distinta, mais que xa servirá para repasar as normas de competición e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, ademais de ser a primeira ocasión en que equipos distintos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega. A competición organízase en tres fases de zona e nunha final galega. En cada unha das fases de zona os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural valorado en 500 e 300 euros. O equipo que gañe na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar no que poidan tamén coñecer novos aspectos da realidade lingüística.

A primeira fase de zona terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, Ames, o venres 27 de febreiro, e nela debaterán oito equipos de Ames, Santiago de Compostela e Rois. As outras dúas fases de zona terán lugar o sábado 7 de marzo. Ese día no Pazo da Cultura de Pontevedra debaterán os equipos desa cidade e do Carballiño, e no Teatro Jofre de Ferrol os desa cidade, Carballo e Negreira. Os temas sobre os que se debaterá nestas fases de zona están aínda por determinar. Os dous primeiros equipos clasificados en cada zona debaterán na final do 26 de abril en Carballo sobre “Herdamos o galego, temos que transmitilo”.

21 de xaneiro de 2015 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.