publicidade hoxe

Benestar licita as obras da primeira escola infantil pública de Oza-Cesuras con 41 prazas de 0-3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Visita da conselleira ao obradoiro de emprego da localidade

Visita da conselleira ao obradoiro de emprego da localidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras da nova escola infantil de Oza-Cesuras, que a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha en colaboración co Concello. Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha visita que realizou ao obradoiro de emprego desta localidade.

A primeira escola infantil pública deste municipio contará cun total de 41 prazas. A súa construción vai contar cun investimento de preto de 400.000 euros, que serán financiados pola Consellería e o Concello. O prazo de execución da obra será de 8 meses. A escola, segundo explicou Mato, estará emprazada nunha parcela no lugar de Mangoño, na parroquia de Mandaio, que foi posta a disposición do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

A titular de Benestar apuntou, así mesmo, que coa apertura deste centro as prazas en escolas infantís da Galiña Azul na comarca de Betanzos ascenderán ás 196, todas elas postas en marcha polo Goberno galego, segundo subliñou a conselleira. Neste senso, Mato lembrou que a creación de novas prazas de 0-3 anos supón “un instrumento fundamental” para a conciliación da vida familiar e laboral e, polo tanto, un dos principais eixos do Plan de Dinamización Demográfica. Deste xeito, desde 2009 a Xunta puxo en marcha 3.320 prazas en escolas da Rede Autonómica A Galiña Azul, máis do 60 por cento de incremento con respecto a 2009. En total a oferta actual é de preto de 9.000 prazas. Na provincia da Coruña, a Xunta puxo en funcionamento máis de 1.600, un aumento de máis do 90 por cento.

Ademais, a titular de Benestar avanzou que antes de que remate a lexislatura crearanse outras 2.000 novas prazas, o que significará practicamente dobrar as que había á nosa chegada.

Obradoiro de emprego

Con respecto ao obradoiro de emprego, Mato sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 180.000 euros para o desenvolvemento deste programa que está en marcha desde o mes de setembro e no que están a participar 20 alumnos e alumnas dos concellos de Oza-Cesuras e de Coirós.

Esta iniciativa ofrece aos participantes unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional. “É unha formación que vai enriquecer moi significativamente o currículo dos traballadores e traballadoras e, polo tanto, contribúe á mellora da súa empregabilidade”, apuntou. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras ou servizos para a comunidade.

Neste caso, os alumnos e alumnas están a formarse en auxiliar de viveiros, xardíns e centros de xardinería e están a realizar actuacións en áreas recreativas, prazas, carballeiras e distintas zonas verdes do Concello de Oza-Cesuras.

Na actualidade, en Galicia están en marcha un total de 53 obradoiros de emprego, que contan cun investimento de máis de 9,6 millóns de euros e están a beneficiar a preto de 1.300 galegos e galegas. Na provincia da Coruña, o departamento autonómico está a financiar 15 programas deste tipo, que están a beneficiar a 32 concellos e contan con 315 alumnos. A axuda da Consellería é de 2,8 millóns de euros.

Por último, Mato destacou que para 2015 a Xunta vén de blindar nos orzamentos a partida destinada aos obradoiros de emprego. De feito, a orde, coa que se poderán financiar outro medio centenar de obradoiros ao longo do presente ano, xa foi publicada no Diario Oficial de Galicia esta mesma semana.

Para concluír, a titular de Benestar indicou que tanto os obradoiros como a posta en marcha dunha nova escola son actuacións que se poden levar a cabo grazas á colaboración e o diálogo coas entidades locais. “Na Xunta somos conscientes de que os concellos son quen mellor coñecen as necesidades e demandas dos seus cidadáns e cidadás”, rematou.

16 de xaneiro de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.