publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As posibilidades turísticas do Entroido dos Xenerais da Ulla preséntanse en Santiago

Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla

Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou o programa do Entroido Tradicional dos Xenerais da Ulla 2015, Festa de Interese Turístico de Galicia. O calendario esta edición, que se prolongará ata o 1 de marzo, inclúe un programa de menús de Entroido e turismo rural, unha unidade didáctica para colexios e unha exposición fotográfica. Agustín Hernández estivo acompañado nesta presentación, celebrada no Mercado de Abastos, polos alcaldes de Silleda, Manuel Cuíña; Touro, Ignacio Codesido; Vedra, Carlos Martínez; e Vila de Cruces, Jesús Otero Varela; os tenentes de alcalde da Estrada e de Boqueixón, Juan Constenla e Manuel Mouriño, e os concelleiro de Turismo de Teo, Anxo Rey, e de Santiago, Reyes Leis. Ante todos eles destacou a colaboración que, dende 2011 se vén mantendo entre estes concellos na promoción do Entroido dos Xenerais da Ulla, unha tradición da comarca que se remonta ao século XIX.

“Esta colaboración, que ten como finalidade impulsar de forma conxunta esta celebración única en Galicia, en España e mesmo na Europa Occidental, plasmouse –entre outras accións- na creación dunha páxina web específica e na consecución da declaración do Entroido da Ulla como Festa de Interese Turístico de Galicia, en setembro de 2013″, lembrou.

Conseguida a declaración logo de varios anos de traballo, o alcalde reiterou o “compromiso compartido” cos Xenerais da Ulla para “aproveitar as posibilidades turísticas do Entroido dos Xenerais da Ulla, facendo deste evento un reclamo para fomentar a visita aos nosos concellos no mes de febreiro, un dos máis complexos do ano. Neste sentido, sumámonos a estratexia da Xunta de Galicia, que tamén aposta polos diferentes entroidos do noso pais como reclamos turístico”.

Tamén marcou como obxectivo que “os nosos veciños e o conxunto dos galegos poidan coñecer mellor o Entroido dos Xenerais da Ulla, un feito diferencial entroncado xa na tradición dos nosos concellos”.

Con estes dous obxectivos de “afondar nas posibilidades turísticas e de difundir esta tradición”, as Corporacións dos oito concellos desenvolveron un amplo programa de actividades para promover e dar a coñecer o programa de altos ou atranques do Entroido dos Xenerais da Ulla, que neste 2015 serán 29 noutras tantas parroquias.

Destacou Agustín Hernández a coordinación dos actos centrais ao longo de dez días, dende o domingo 1 de febreiro (que se celebra o de Oza, en Teo) ata o 1 de marzo (que remata co atranque de Baamonde, tamén en Teo). Xa o pasado sábado, composteláns e visitantes puideron ver unha pequena mostra deste Entroido cun desfile representativo dos oito entroidos tradicionais da Ulla, promovido pola Xunta de Galicia.

Menús de Entroido e turismo rural
Xunto cos actos centrais en cada lugar, preparáronse outras tres actividades, a primeira das cales é un Programa de Menús de Entroido e Turismo Rural. Na súa segunda edición, esta iniciativa pretende “aproveitar os produtos locais de temporada como reclamo turístico, dentro dunha liña de fomento do turismo gastronómico”, indicou o rexedor municipal. Entre os produtos típicos inclúense o cocido, a lacoada, o caldo, as filloas, orellas e mesmo a lamprea. Todo regado con viños da Ulla, que conta con tintos mencía e brancos albariños incluídos na D.O. Rías Baixas e licores da Ulla igualmente con D.O. Neste programa participan 67 bares e restaurantes dos oito concellos, dos que 17 son de Santiago de Compostela).

Esta oferta complétase con paquetes de turismo rural, que inclúen aloxamento e almorzo e, moitos deles tamén actividades complementarias e recomendadas nas inmediacións, incluíndo a participación no Entroido dos Xenerais da Ulla. Participan 11 aloxamentos.

Unidade didáctica
Ademais, deseñouse unha unidade didáctica sobre os Xenerais da Ulla, destinada aos ciclos de Infantil e Primaria de todos os colexios de Galicia. “O obxectivo é que os profesores poidan explicar e transmitir aos máis novos o Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico, e as súas particularidades”, explicou Hernández.

A unidade didáctica, elaborada pola empresa compostelá ETNOGA Patrimonio Cultural baixo a supervisión dos oito concellos, afonda historia e legado deste Entroido a través de catro bloques temáticos: xeografía, personaxes, animais e tradición oral. Preséntanse catro cadernos didácticos para o alumnado de diferentes idades, xunto cunha selección de propostas didácticas para realizar na aula ou en familia.

Todo este material educativo tamén se pode consultar –como o propio programa do Entroido- na web dos Xenerais da Ulla.

Exposición fotográfica
Finalmente, unha exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla estará na Aula Gastro do Mercado de Abastos ata o 1 de marzo. Esta mostra exhibiuse a principios do ano pasado no Museo do Pobo Galego, onde tivo cerca de 4.000 visitantes. Segundo o alcalde, o obxectivo é que, instalada neste Mercado de Abastos e tendo en conta o tirón turístico desta instalación, poida chegar a un público distinto.

A exposición recolle unha serie fotografías escollidas, cheas de cor, que reflicten a esencia e carácter deste entroido rural tradicional da Ulla. A mostra reúne 60 imaxes distribuídas en 22 paneis de máis dunha ducia de fotógrafos, na súa maior parte veciños dos propios concellos.

26 de xaneiro de 2015 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.