publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de abastecemento do lago de Meirama duplicarán a capacidade de subministración de auga potable para a área metropolitana da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaCercedaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras

Ethel Vázquez na visita ás obras

As obras da primeira fase do abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial de Meirama permitirán duplicar a capacidade do sistema para os concellos desta zona e resolver as carencias futuras na subministración de auga potable. Así o manifestou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a súa visita a estas actuacións hidráulicas. A este acto tamén asistiron o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; o de Cerceda, José García; e outros representantes de municipios da área metropolitana da Coruña.

Esta primeira fase do proxecto, certificada case ao 60% e cun investimento económico de 1,9 millóns de euros, tiña que executarse nestes momentos, xa que debía desenvolverse antes de que o enchido do lago de Meirama superase a cota de 15 metros por debaixo da lámina de auga. Os citados traballos estarán finalizados ao longo deste ano 2015.

Na actualidade, o encoro de Cecebre é o que abastece a meirande parte dos municipios desta área metropolitana. Non obstante, estímase que, co tempo, se corra o risco de non poder garantir o subministro debido ao aumento de poboación e da demanda que suporá a posta en marcha de novas áreas industriais. Neste sentido, as obras visitadas hoxe son estratéxicas para blindar o abastecemento de auga a partir do lago artificial e dar servizo ao que é unha das maiores concentracións urbanas de Galicia.

A titular de Infraestruturas explicou que cando sexa precisa a ampliación dos sistema de abastecemento, realizarase outra nova fase que completará o proxecto, conducindo a auga do lago ata o encoro de Cecebre, unha actuación que contará cun investimento aproximado de 11 millóns de euros.

Ethel Vázquez indicou que o Goberno galego aposta por unha infraestrutura hidráulica de futuro que permitirá incrementar a capacidade de reserva do sistema de abastecemento e asegurará a subministración de auga potable a unha poboación estimada de máis de 560.000 persoas no horizonte do ano 2035.

Vázquez concretou que a Xunta traballa pola mellora do abastecemento a través do aproveitamento das potencialidades que ofrece o territorio: emprego da restauración ambiental dunha zona degradada para garantir e dar un mellor servizo á poboación e aumentar a calidade de vida dos cidadáns coruñeses.

A conselleira de Medio Ambiente destacou a optimización dos recursos, previsión e anticipación ante a oportunidade única que brindaba o lago de Meirama para acometer unha actuación de gran calado que, co mínimo custo e co mínimo impacto paisaxístico e ambiental, posibilitará abastecer de auga potable a toda esta área metropolitana da Coruña, evitando problemas futuros de subministración.

7 de xaneiro de 2015 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.