publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As novas actuacións no Mosteiro de Melón incrementan o investimento da Xunta a máis de 2,1 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelónOurense
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao Mosteiro de Melón

Xesús Vázquez na visita ao Mosteiro de Melón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Mosteiro de Melón, onde anunciou novas actuacións para este 2015 coas que o investimento da Xunta neste monumento se elevará a máis de 2,1 millóns de euros. Segundo explicou o titular do departamento de Cultura do Goberno galego, as novas intervencións consistirán na consolidación estrutural dos paramentos interiores da esquina suroeste do cruceiro, no seu encontro coa fachada principal, na restauración das cubertas das ábsidas da igrexa e na rehabilitación do retablo de san Xosé. Deste xeito complétanse as melloras realizadas no ano 2012, que incluíron a reparación do cimborrio, e o resto das cubertas do templo agás as que agora van ser obxecto de reparación; así como o reforzo dun contraforte da esquina nordeste do claustro.

Ademais, a Consellería financiou o Plan Director e de usos do conxunto do Mosteiro de Melón, elaborado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas, que analiza as posibilidades de rehabilitación deste ben histórico no actual marco económico e propón previsións a curto, medio e longo prazo, buscando que esta actuación sexa, a súa vez, compatible co seu valor cultural e o seu uso público. De feito, seguindo as fases I e II deste Plan, o Ministerio de Fomento ten previsto acometer a restauración do Claustro da Hospedaría. Para que esta obra sexa posible, o departamento de Cultura da Xunta asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra.

Cómpre lembrar que desde 1984, pero especialmente no 2009 e 2010, a Xunta executou traballos para a consolidación deste Mosteiro que, como Ben de Interese Cultural (BIC) conta coa maior protección en materia de Patrimonio Cultural.

Melloras nas cubertas

Ademais da limpeza, desinsectación e consolidación das pezas do retablo de san Xosé, na igrexa do Mosteiro; as melloras que se executarán no 2015 irán dirixidas a consolidar desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar, e á limpeza da fábrica do campanario da igrexa e a substitución das cubertas das ábsidas, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado.

Ademais, entre outras melloras, realizaranse reformas na sancristía e estudaranse os restos atopados durante a reforma do 2012 coa desmontaxe do contraforte, entre eles unha porta medieval que comunica coa pila bautismal da igrexa.

Nestes momentos os traballos están en fase de adxudicación, polo que poderían iniciarse nas próximas semanas.

Na visita ao Mosteiro de Melón, o conselleiro estivo acompañado da alcaldesa da localidade, Mª Cristina Francisco, e do arquitecto Iago Seara.

16 de xaneiro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.