publicidade hoxe

Abegondo recibe a 5 concellos europeos nas últimas xornadas do programa Ecowas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

As últimas xornadas do programa europeo ECOWAS terán lugar en Abegondo mañá día 22 e o venres 23 de xaneiro. Nel participan os municipios de Mölndal (Suecia), Lublin e Sosnowiec (Polonia), Traversetolo (Italia), Hasselt (Bélxica) e o concello coordinador, Abegondo. Trátase das últimas xornadas do programa, iniciado hai dous anos, co obxecto de achar unha estratexia común para promover a reciclaxe e minimizar os problemas ambientais que xorden no tratamento de residuos. As xornadas estrutúranse en varios bloques: a implicación cidadá na separación de residuos; a educación; a prevención na xeración de residuos; a valorización dos residuos; ou a redución e reutilización. Na primeira sesión de mañá trataranse por un lado, os modelos de implicación cidadá na recollida selectiva onde se expoñerán, entre outras, estratexias de comunicación para a implantación de novos modelos de xestión de residuos a través da experiencia das localidades polacas de Lublin e Sosnowiec. Posteriormente, formularanse temas sobre a educación na xestión de residuos da man do proxecto ECO-EDUCACIÓN de Traversetolo en Italia así como dos programas coruñeses “Residuos Urbanos” e “Plan Rúa”.

Ao longo da xornada de clausura, representada pola Xunta de Galicia, poñeranse sobre a mesa de debate temas sobre como aumentar a cantidade de material reciclado ou como reducir a cantidade de residuos a través da reutilización. Aquí presentaranse proxectos como o de Upcycling do municipio belga de Hasselt, o enfoque de Upcycling en Galicia e o de Life ECORAEE. O Concello de Abegondo formulará, xa como peche da xornada, as posibles medidas a adoptar para axudar á mellora da eficiencia da xestión de residuos nas súas zonas rurais así como o mapa de ruta a seguir tras a experiencia do proxecto ECOWAS. A clausura do evento terá lugar ás 18:00h, cun concerto de despedida e o peche da conferencia da man da conselleira de Medio, Ethel Vázquez, e do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. ECOWAS deu os seus primeiros pasos no ano 2013. Dende entón, estes 6 municipios europeos (Mölndal, Lublin, Sosnowiec, Traversetolo e Hasselt) uníronse co fin de impulsar, a través dun interese común, o aproveitamento dos residuos para evitar a xeración de vertedoiros, entre outros moitos motivos.

21 de xaneiro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.