publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha na Serra do Xurés o terceiro centro BTT Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuíñosOurense
A-
A+
Inauguración da BTT Galicia na Serra do Xurés

Inauguración da BTT Galicia na Serra do Xurés

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inauguraron hoxe o Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) Serra do Xurés, no concello ourensán de Muíños. O acto contou tamén coa participación do alcalde de Muíños, o presidente da Deputación de Ourense e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

O Centro BTT Serra do Xurés é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para os usuarios de bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica da bicicleta de montaña. Este novo centro súmase á Rede BTT Galicia conformada ata o momento polo Centro BTT O Salnés e o Centro BTT Portas de Galicia dos que os usuarios manifestan un alto grao de satisfacción e interese.

O feito de contar en Galicia cun circuíto deseñado especificamente para a utilización da bicicleta de montaña é froito da aposta do Goberno galego por desenvolver o turismo sostible e por incentivar a práctica deportiva como un novo xeito de coñecer o destino.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante o acto inaugural que un dos retos actuais de Turismo de Galicia é posicionar a comunidade galega como modelo europeo de turismo sostible. “É por isto que unha das liñas estratéxicas do noso Plan Integral céntrase na consolidación de Galicia como un destino ambiental, social e economicamente sostible procurando a responsabilidade de todos os axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo”, explicou Nava Castro.

Neste senso, a directora galega de Turismo referiuse a diversas accións enmarcadas nesta liña estratéxica que xa foron levadas a cabo no primeiro ano de execución do Plan Integral. Así, destacou iniciativas como a implantación da Carta Europea de Turismo Sostible nos espazos naturais protexidos de Galicia, a elaboración do Plan Director do Camiño de Santiago e o programa Smart Camiño, a edición do folleto de aloxamentos turísticos accesibles de Galicia 2014, a entrega de material de accesibilidade dos recursos turísticos para instalar en diferentes praias das Rías Baixas e a implantación do sistema de vídeo – interpretación en Linguaxe de Signos (BILDTEC) na oficina de turismo da Xunta de Galicia en Vigo, entre outras.

Así mesmo, Nava Castro incidiu na interesante variedade de atractivos turísticos da comarca e destacou que nos primeiros once meses do pasado ano 2014 a provincia de Ourense albergou a mais de 243 mil viaxeiros, os cales realizaron máis de 465 mil pernoitas.

“Contribuír a incrementar estas cifras e complementar a magnífica oferta paisaxística e natural con actividades que permitan o desfrute da mesma en conexión coa natureza é o obxectivo deste Centro BTT, que enriquece máis se cabe a experiencia turística nesta comarca, todo un paraíso para os visitantes e todo un orgullo para os galegos”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Rutas e servizos

O Centro BTT Serra do Xurés ofrece un total de seis rutas, cinco delas polo concello de Muíños e a sexta compartida co concello de Lobios, que poñen a disposición dos usuarios un total de 133 quilómetros.

Trátase dun destino BTT único que ofrece trazados de diferentes niveis de dificultade. Así, no Parque Forestal de Outeiro da Cela, por exemplo, pódese gozar dun agradable paseo bordeando o encoro das Conchas. Así mesmo, a Ruta Megalítica, que parte desde As Maus de Salas, ofrece un percorrido moi sinxelo, apto para toda a familia e que nos traslada á época do Megalitismo. Pola súa banda, os ciclistas máis expertos poderán percorrer parte do trazado da Vía Nova ao seu paso por Lobios, así como internarse nos picos de Fontefría e percorrer algunha das poboacións máis singulares, como A Cela, Prado de Limia, Requiás ou Guntumil.

O Centro BTT Serra do Xurés facilita servizos e información completa e detallada sobre as rutas e ofrece servizos como o alugueiro de bicicletas, vestiario e ducha, información puntual sobre os percorridos que se poden realizar ou os datos sobre os niveis de dificultade das rutas, información turística e outras actividades deportivas.

Plan de acción

Por outra parte, Ethel Vázquez adiantou que a Xunta e a Rexión Norte de Portugal aprobarán esta semana o Plan de Acción da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés na Comisión de Dirección Transfronteiriza da Reserva, no marco do traballo coordinado entre Galicia e Portugal para a conservación e recuperación de espazos desta reserva.

O plan de acción a aprobar ten un horizonte temporal ata o ano 2020 e recolle un investimento global de 2,6 millóns de euros e porase en marcha de forma inmediata cunha partida orzamentaria que neste 2015 chegará aos 314.500 euros. Céntrase en catro eixes prioritarios de actuación: imaxe e identidade da Reserva da Biosfera, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza e participación social e integración da comunidade e dos actores que interveñen nesta Reserva da Biosfera Transfronteiriza.

A responsable de Medio Ambiente precisou que este plan servirá de guía para o desenvolvemento deste espazo natural, implicando á poboación afectada nas medidas de protección e conservación e facendo que estas sexan compatibles co desenvolvemento socioeconómico dos concellos implicados.

Conservación do parque natural

Ethel Vázquez subliñou que o Goberno galego coñece a importancia de preservar os espazos naturais, pero tamén a necesidade de facer compatible a súa protección co desenvolvemento de actividades que xeren emprego e riqueza.

A titular de Territorio concretou que a Xunta ten un compromiso coa consecución dunha Galicia máis verde e mellor para vivir que, por suposto, inclúe a toda a provincia de Ourense, de aí que se destinen 560.000 euros á mellora dos espazos naturais dunha trintena de concellos desta provincia que están integrados na Rede Natura 2000.

A conselleira adiantou que no primeiro semestre de 2015 acometeranse traballos para o acondicionamento das pistas no parque natural, co obxecto de facilitar as tarefas de conservación, vixilancia e desenvolvemento sostible, cun investimento de preto de 100.000 euros.

Cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2014 levou a cabo diversas accións de conservación nesta zona, destacando o plan de reforzo da águia real. O investimento das actuacións desenvolvidas no parque o pasado ano foi de preto de 525.000 euros.

13 de xaneiro de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.