publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta leva á Comisión de Patrimonio a prolongación da rede de saneamento de augas e da instalación do alumeado público de Piornedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia leva mañá á Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo para que sexan tratados os proxectos de prolongación da rede de saneamento e depuración de augas e da instalación do alumeado público no núcleo do Piornedo, dentro do municipio de Cervantes.

Os proxectos serán abordados na primeira reunión convocada da devandita comisión despois de que os proxectos foran presentados polo Concello de Cervantes e a Deputación Provincial de Lugo.

De feito, as documentacións referidas a estas actuacións foron entregadas os días 18 e 30 de decembro e mañá mesmo será tratada na comisión correspondente a este mes de xaneiro.

Tamén relativo as actuacións previstas no Piornedo, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, instou ao presidente da Deputación Provincial de Lugo “a iniciar dunha vez as obras” de reparación destas pallozas do Piornedo, en Cervantes, para as que a Administración autonómica achega 100.000 euros a través de Turismo de Galicia.

Autorizacións outorgadas

Arias recordou que a Xunta xa outorgou as autorizacións precisas para levar a cabo os traballos, que debe executar a Deputación Provincial, e subliñou que tanto a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural como a Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveron sobre o expediente no prazo dunha semana dende que recibiron as solicitudes.

A Xunta iniciou os contactos coas distintas partes -tanto propietarios como institucións- para que se puidesen arranxar os teitos das pallozas, e no mes de abril xa presentou á Deputación a proposta do convenio no que Turismo de Galicia comprometía 100.000 euros para estes traballos.

A Deputación entregou o día 20 de novembro do ano pasado o proxecto en Patrimonio, e o día 26 remitiu o proxecto definitivo modificado. Foi informado polos técnicos da consellería e pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo, e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural resolveu autorizando o proxecto dous días despois, o día 28 do mes de novembro, tras da xuntanza da comisión territorial.

O proxecto tiña que ser informado tamén polo Servizo de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por atoparse dentro da Rede Natura 2000, concretamente no lugar de importancia comunitaria Ancares-Courel, declarada zona especial de conservación.

Neste caso foi o Concello de Cervantes o que remitiu o proxecto, o pasado día 4 de decembro, e o día 9 de decembro xa se asinou a resolución autorizando a devandita intervención.

Raquel Arias confirma que, deste xeito, “a Xunta cumpriu o seu compromiso cos veciños de Piornedo de axilizar ao máximo, en canto estivera na súa man, os traballos de reparación dos teitos das pallozas”. Arias entende que a Deputación tamén debería actuar con dilixencia e iniciar as obras o antes posible “para evitar que as pallozas continúen deteriorándose”.

29 de xaneiro de 2015 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.