publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investiu 200.000 euros na execución de obras que melloraron unha ducia de camiños rurais da comarca da Ulloa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de UllaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, afirmou hoxe que a Xunta investiu nos últimos meses 190.000 euros en obras de mellora executadas sobre doce camiños rurais de titularidade municipal da comarca da Ulloa.

Arias visitou Antas de Ulla para comprobar o resultado dos traballos realizados na estrada entre Aboi e Carreiros, na que se investiron 49.014 euros ao abeiro do Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais 2014. A Consellería do Medio Rural e do Mar desenvolveu en colaboración cos concellos este plan que ten por obxectivo mellorar as vías municipais.

Durante a visita a Antas, a delegada e o alcalde da localidade, Javier Varela, revisaron os traballos realizados nos 2,69 quilómetros da vía que une Aboi e Carreiros, que sufrira importantes danos debido ás incidencias climatolóxicas dos últimos invernos. Contaron tamén coa presenza do xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Lugo, Ramón Losada.

Nesta actuación combinouse a reparación do firme con dobre rega asfáltica e con pavimento de formigón, no tramo suxeito a maior erosión. Optouse por esta solución para garantir un acabado satisfactorio e duradeiro, máis resistente ás condicións meteorolóxicas invernais.

A delegada territorial sinalou que “é prioritario para a nosa provincia manter en óptimas condicións os camiños, pistas e estradas rurais que dan servizo a pequenos núcleos de poboación, para maior comodidade e seguridade do tráfico local e mesmo para facilitar a actividade económica nestes pobos”.

En base a esta necesidade, apuntou, “a Xunta actuou neste último ano sobre doce camiños en Antas, Monterroso e Palas de Rei, e no Plan Marco para o 2015 están previstas outra ducia de actuacións na comarca”. Segundo as previsións, a Xunta xestionará un investimento de 349.000 euros para a execución destes traballos.

Arias explicou que “a mellora das infraestruturas centra unha das liñas de acción que desenvolve a Xunta a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, entidade que impulsa tamén importantes iniciativas no eido económico, mellorando os servizos básicos para as empresas e a poboación en xeral e subvencionando proxectos empresariais dinamizadores no medio rural”.

12 de xaneiro de 2015 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.