publicidade hoxe

A Xunta investirá máis de 200.000 euros na mellora dos camiños rurais de Melide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMelide
A-
A+
Belén do Campo na reunión coa alcaldesa de Melide

Belén do Campo na reunión coa alcaldesa de Melide

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e a alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez, mantiveron unha reunión de traballo na que analizaron os proxectos que a Xunta de Galicia está a financiar no municipio dirixidos á mellora da calidade de vida no ámbito rural e ao asentamento da poboación neste entorno. Así, unha das actuacións máis relevantes neste eido é a que se desenvolve a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña.

No programa 2014-2015, Melide contará cunha achega de 120.280 euros para acondicionar os accesos a varios establos gandeiros no lugar de Piñeiros e para o arranxo das vías Piñeiros-Baltar, A Fogueirada-Baltar, Loures-Gondollín, a da capela de Santa Cruz e outras nos lugares de O Picho, Grobas de Arriba, Vilela e Requeixo. A contía desta subvención será un 46% superior á do período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 82.457 euros, para actuar sobre máis de 4,5 quilómetros de pistas, localizadas nas parroquias de Meire, San Cosme e Maceda.

Segundo coincidiron Do Campo e Vázquez, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Fonte de riqueza e traballo para os mozos e mozas

Na mesma liña, a rexedora tamén se interesou polas medidas que ten articuladas a Xunta para fixar poboación no eido rural, como son as subvencións destinadas ao asesoramento, xestión e substitucións de explotacións agrarias, aquelas dirixidas ao investimento, transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais ou á incorporación de mozos á actividade agraria. Neste senso, as responsables autonómica e local destacaron a necesidade de renovación constante para adaptarse ás demandas do sector, así como a necesidade de promover o medio rural como unha fonte de riqueza e traballo para as mozas e mozos da nosa Comunidade.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Melide. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á primeira edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.
 

16 de xaneiro de 2015 | 11:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.