publicidade hoxe

A Xunta destaca en Ribeira do Piquín o beneficio das axudas do canon eólico para os pequenos concellos do rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibeira de Piquín
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o concello de Ribeira de Piquín, na provincia de Lugo, onde puido comprobar de primeira man as actuacións levadas a cabo no concello grazas ás axudas do Fondo de compensación Ambiental 2014 e da Orde de Infraestruturas de uso público.

Durante a visita, á que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde da localidade, Sabino Díaz Fernández, Rueda destacou a importancia destas axudas para os concellos galegos que se reflicte en varias actuacións que repercuten positivamente no concello e nos seus cidadáns.

Na orde de infraestruturas, o concello recibiu axudas por un importe de 39.240 euros que foron destinadas á adecuación do parque infantil de Santalla e para a adecuación da praza do concello no Chao de Pousadoiro. A través destas axudas, o Goberno galego apoia aos concellos galegos para financiar estruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se prestan servizos administrativos, entre outras actuacións.

No marco da liña da axudas do Fondo de Compensación Ambiental, no caso de Ribeira de Piquín, desde a súa creación o Fondo proporcionoulle unha axuda de máis de 230.000 euros para distintas iniciativas, como redución do gasto enerxético no alumeado público, adquisición de maquinaria e vehículo para a conservación de espazos naturais e prevención de incendios forestais, melloras de pistas forestais e melloras nos sistema de abastecemento de augas ademais de equipamento e gastos de funcionamento brigada ambiental.

O FCA procede do canon eólico e dende hai xa seis anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación natural. É dicir, representa un triplo beneficio, tanto para as arcas municipais como para os veciños e o medio ambiente.

O Fondo de Compensación Ambiental 2014 destinou 8,7 millóns de euros a través das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva. Na liña de concorrencia competitiva foron 1,7 millóns de euros para un total de 53 proxectos que benefician a 88 concellos.

26 de xaneiro de 2015 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.