publicidade hoxe

A Plataforma Sarriana polo Río denuncia que continúan as inundacións a pesar do caos e do derroche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil negouse por escrito a que os seus técnicos acudan a Sarria a explicar a modificación do proxecto de encanamento, tal e como se lles solicitou.

Nestas circunstancias, a Plataforma Sarriana polo Río considera esencial facer chegar aos veciños de Sarria, e ao público en xeral, algunhas informacións fundamentais sobre os efectos que a execución do proxecto terá. É importante destacar que o que ven a continuación non é algo que diga a Plataforma, senón algo que di o propio proxecto. Calquera pode confirmalo consultando a documentación que se indica máis abaixo, exposta ata o próximo martes 27 de xaneiro no Concello de Sarria, nas oficinas da Confederación en Lugo e Ourense e na páxina web da Confederación.

A completa ineficacia do proxecto para reducir os efectos das inundacións se recoñece expresamente no propio proxecto nestes termos: “con las actuaciones propuestas no se logra encauzar el total de la avenida por el cauce, produciéndose rebases en las mismas secciones identificadas para la situación actual (Ponte do Peregrino y Ponte Vella da Estrada de Becerreá)” (Documento nº1, Anexo nº8 da Memoria). Unha vez executado o proxecto se seguirán producindo asolagamentos nos mesmos puntos nos que se producen na actualidade: na marxe dereita á altura de Ponte Ribeira e na Ponte Vella.

Efectivamente, o proxecto non da solución á acumulación de auga na marxe dereita entre Ponte Ribeira e a rúa Calvo Sotelo como consecuencia dos desbordamentos que se producen augas arriba en caso de riadas. No propio proxecto modificado se recoñece expresamente que “se siguen produciendo rebases del cauce aguas arriba del tramo de actuación” (Documento nº1, Memoria, páx.3) e que “en caso de avenidas de bajo período de retorno, se seguirá acumulando el agua en la margen derecha, tal y como sucede en la situación actual, debido a que el río desborda aguas arriba del tramo de actuación” (Documento nº1, Memoria, páx.5).

Pola súa parte, na Ponte Vella e Río Sol a situación agravarase porque, como consecuencia da execución do proxecto, chegarán a esa zona 10m3 por segundo máis de auga que na actualidade. En efecto, o único resultado das actuacións en marcha consiste en aumentar a capacidade de desaugue da zona do Malecón en 10m3 por segundo. Como recoñece o proxecto, esto non sirve para evitar as inundacións da marxe dereita nese tramo (consecuencia fundamentalmente de desbordamentos que se producen augas arriba), pero si causará un dano maior no barrio de Ponte Vella, que recibirá cada segundo 10 m3 máis que na situación actual.

Por último, convén sinalar que os efectos descritos non son consecuencia das modificacións introducidas no proxecto e agora sometidas a consulta pública, senón que a ineficacia das actuacións para reducir os efectos das riadas é común ao proxecto orixinal e ao proxecto modificado. Tamén isto se recoñece expresamente no proxecto no que se afirma que na situación actual e coas actuacións propostas no proyecto orixinal e no modificado nº1 “se siguen produciendo rebases del cauce aguas arriba del tramo de actuación” (Documento nº1, Anexo nº8, páx.3), que son os que causan os asolagamentos na rúa do Peregrino, Outarela, zona escolar, etc. No mesmo senso: “la variación en la capacidad de desagüe entre los dos escenarios de cálculo … es mínima” i “el mantenimiento o eliminación de la isla situada en el tramo urbano del río Sarria supone una variación muy pequeña en el comportamiento hidráulico del cauce” (Documento nº1, Anexo nº8, páx.20).

Ata aquí o que di o proxecto. Agora o que di a Plataforma. O que plantexa a Plataforma é, simplemente isto: para non solucionar o problema das inundacións, e incluso agravalo nalgún punto (Ponte Vella e Río Sol principalmente) ¿vale a pena gastar máis de 4 millóns de euros de diñeiro público, danar irremediablemente unha ponte de orixe medieval do Camiño de Santiago, a Ponte Ribeira, destruir as pontes máis que centenarios, a do Toleiro e a da rúa Calvo Sotelo, e crear o caos nunha vila durante moitos meses causando con iso non só graves molestias aos veciños senón tamén importantes perdas económicas a comercios e negocios?.

Os que tamén teñan dúbidas poden presentar alegacións ata o martes 27 de xaneiro.

18 de xaneiro de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.