publicidade hoxe

A Deputación da Coruña urbanizará unha nova rúa en Cedeira para favorecer a mobilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido Ramonde, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Deputación, Diego Calvo, polo cal a institución provincial subvencionará a urbanización dunha nova rúa no municipio para facilitar a mobilidade dentro do Concello.

Esta actuación supón a primeira fase dun proxecto que pretende abrir un novo viario nun entorno moi transitado polos veciños e veciñas, xa que está preto das instalacións deportivas, dos centros de ensinanza e do futuro centro de saúde.

Nesta primeira fase iniciarase a construción desta rúa paralela ao campo de fútbol para destinala ao aparcamento de vehículos. Está previsto crear ata 50 novas prazas de estacionamento e resolver así a demanda existente na zona.

A obra comezará na rúa Deportes e chegará ata o peche actual que delimita cunha parcela privada ao noroeste. En canto aos traballos, pavimentarase o novo viario e instalaranse todas as redes de abastecemento e saneamento de augas, así cooa un murete de formigón armado paralelo ao peche existente para conter a explanada da nova estrada.

Segundo explicou o propio alcalde, o deseño desta vía será innovador ao executarse nun mesmo nivel a estrada e as beirarrúas, flexibilizando así o espazo para vehículos e peóns. O custo total do proxecto para o que o alcalde Luis Rubido solicitou a axuda da Deputación é de 52.846,70 euros.     

12 de xaneiro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.