publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 33.000 euros á modernización do espazo museístico na Casa Rosalía de Castro en Padrón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPadrón
A-
A+

A Deputación da Coruña colaborará coa modernización do espazo expositivo na Casa Museo Rosalía de Castro de Padrón. En concreto, a institución provincial achegará 32.668,07 euros á Fundación Rosalía de Castro para que poida adquirir novo equipamento tecnolóxico que mellore a información para os visitantes.

O titular provincial, Diego Calvo, visitou hoxe o museo en Padrón para formalizar este acordo co presidente da fundación, Anxo Angueira Viturro, que se mostrou agradecido pola “sensibilidade da Deputación” e pola contribución dos alcaldes de Rois e Padrón, Ramón Tojo Lens e Antonio Fernández Angueira, tamén presentes na sinatura do acordo como “artífices da colaboración”.  

Con estes preto de 33.000 euros subvencionarase o 80% da compra e instalación de novos materiais como son un proxector de vídeo de alta resolución para visionado cenital con equipo de son incorporado, equipos audiovisuais e de edición de contidos e os mobles, rotulación e vitrinas para montar unha exposición sobre a poetisa, ademais da reprodución de documentos e imaxes, incluíndo o seu enmarcado e montaxe. A intención é que todo o material estea listo no primeiro trimestre de 2015.        

Todas estas novidades localizaranse na planta baixa do edificio, a zona que en peores condicións está o museo.    

“Estamos encantados de contribuír á mellora desta Casa-Museo na que viviu unha persoa fundamental na historia de Galicia”, sinalou Calvo, que se comprometeu a manter colaboracións con este tipo de obxectivos xa que “favorecen a difusión da cultura entre todos os veciños e veciñas da provincia”. Neste sentido, destacou o labor que desenvolve a Fundación Rosalía de Castro “conservando a súa memoria e difundindo a súa obra”.

Pola súa banda, o portavoz do museo sinalou que o presidente provincial “sempre se mostrou moi receptivo” con estes proxectos.

“A Deputación vai seguir colaborando coa cultura, seguir colaborando con esta fundación para seguir modernizando o museo e facelo máis atractivo se cabe  para que todos os galegos e o resto de cidadáns se poidan achegar á nosa gran poetisa”

Doazóns

De feito, a Deputación da Coruña xa colaborou o ano pasado coa Fundación Rosalía de Castro coa cesión temporal de bens pertencentes á institución provincial e que agora poden ser observados na Casa Museo de Padrón. Entre estes obxectos destaca un cadro de Modesto Brocos e Gomes porque é o único retrato feito en vida que se conserva da poetisa galega. Trátase dun óleo sobre lenzo que foi adquirido en 1997 pola Deputación aos herdeiros de Juan Naya Pérez.

Tamén hai outras cinco pinturas de Ovidio Murguía, fillo da poetisa, catro delas (Primavera, Verano, Otoño e Inverno) conforman unha serie sobre unha mesma paisaxe en distintas estacións do ano. A quinta titúlase Muller lavando.       

Por último, a Deputación tamén facilitou un tresillo isabelino de caoba que se trasladou dende o Pazo de Mariñán á Casa da Matanza porque pertencía á familia Murguía-De Castro e que tamén é propiedade da Deputación dende 1997.

Todos os bens, que están valorados en 51.000 euros, foron cedidos en depósito a través dun convenio de colaboración.  

14 de xaneiro de 2015 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.