publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación abre en Lugo, Viveiro e Monforte centros de asesoramento tecnolóxico para PEMES e autónomos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoMonforte de LemosViveiro
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada do director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, e unha vintena de empresarios da provincia, anunciou este xoves que a Deputación abrirá en Lugo, Viveiro e Monforte de Lemos centros nos que prestará asesoramento, apoio e formación individualizada e gratuíta ás PEMES e autónomos lucenses. Para iso, o organismo provincial amplía as funcións do Centro de Innovación Social, o In Lugo. “Se ata o de agora centrou as súas actividades nas persoas da terceira idade, a partir deste mesmo luns o In Lugo ofrecerá tamén servizos no eido tecnolóxico para as empresas”, explicou a Vicepresidenta.

No acto, Méndez salientou que con esta iniciativa “cumprimos cunha das grandes demandas que nos trasladaron as máis de 500 empresas que participaron xa nos diversos programas de fomento das TIC que levamos impulsando nestes últimos anos: un espazo físico para recibir apoio continuo no eido das novas tecnoloxías”. O centro de asesoramento de Lugo estará nas propias instalacións do Centro de Innovación Social (na rúa Frei Plácido Rei Lemos); en Viveiro funcionará na Avenida de Cantarrana, 6; e en Monforte, na rúa Escultor Francisco Moure, 17.

A Vicepresidenta Segunda destacou que con estes novos servizos “damos un paso máis na nosa aposta por fomentar a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial co obxectivo de fortalecelo e, deste xeito, crear emprego e recuperar poboación na provincia, obxectivos que para nós son prioritarios e irrenunciables”.

“As novas tecnoloxías fan ás PEMES e autónomos, columna vertebral da nosa economía, máis competitivas, melloran a súa produtividade, facilitan o seu funcionamento e xeran plusvalía”, afirmou Méndez, razón pola que “levamos case 8 anos, dende que entramos no Goberno provincial, traballando neste eido”, asegurou, con iniciativas como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, onde hoxe venden os seus produtos máis de 150 empresas; o plan Dinamíz@TE, a través do que a Deputación fará un plan de mellora do negocio a 300 PEMES e autónomos; e o Plan Ben Empregado!, no que o organismo provincial dá axudas ás empresas para contratar empregados.

20 postos de traballo

Coa apertura deste tres novos centros de asesoramento a Deputación creará máis de 20 postos de traballo, “que son as persoas que se ocuparán de atender ás empresas nas propias oficinas, pero que tamén se desprazarán pola provincia se así o necesitan os empresarios”, subliñou a Vicepresidenta Segunda. O lanzamento deste servizos, que se engloba baixo a denominación de Innova Empresa 2.0, finánciase nun 80% con fondos europeos, aínda que, segundo avanzou Lara Méndez, “a nosa intención é mantela no tempo con fondos propios”.

A onde dirixirse

As empresas que queiran beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa que arrancará o vindeiro luns, 12 de xaneiro, poden chamar xa ao número de teléfono 982-22-51-86 ou ben achegarse ao Centro de Innovación Social, na rúa Frey Plácido Lemos, s/n.

Outros servizos paralelos aos centros

Ademais de asesoramento, os centros desenvolverán actividades formativas e divulgativas, como xornadas e talleres, e tamén mostrarán novas ferramentas tecnolóxicas aos empresarios. Así mesmo, dentro do seu obxectivo de impulsar e dinamizar o tecido empresarial da provincia e consciente do auxe dos dispositivos móbiles desenvolverá  aplicacións móbiles (APPS) para potenciar os tres sectores estratéxicos da provincia: agroalimentario, turístico e forestal, tal e como anunciou o director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera.

300 prazas e 18 actividades para os maiores da provincia

O In Lugo incorpora as novas funcións de asesoramento, apoio e formación ás empresas, pero continúa tamén coa súa actividade habitual dirixida a mellorar a autonomía e calidade de vida dos maiores a través das novas tecnoloxías. Lara Méndez lembrou que “máis de 5.000 persoas pasaron xa polo In Lugo dende a súa posta en marcha no 2011, e a partir da vindeira semana terán a oportunidade de facelo outras 300 en 18 actividades diferentes de gran utilidade e moi amenas.” Haberá cursos e talleres para mostrar aos maiores como funciona un ordenador, unha tablet, navigar por internet, manexar o móbil, o smartphone… Toda a información está colgada na web, www.deputacionlugo.gal, onde as persoas interesadas xa pode inscribirse.

8 de xaneiro de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.