publicidade hoxe

A conselleira de Facenda será candidata do PP á alcaldía de Vigo nas próximas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Elena Muñoz

Elena Muñoz

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, foi designada candidata do PP á alcaldía de Vigo para as próximas eleccións municipais, segundo confirmaron fontes do partido e segundo anunciou posteriormente o presidente do partido na cidade, José Manuel Figueroa.

Tras semanas de incógnita, nas que se chegaron a barallar varios nomes (entre eles o do propio Figueroa ou o de Javier Guerra), este venres deuse a coñecer a decisión do partido, que deberá recibir o beneplácito do comité executivo rexional.

‘Faro de Vigo’ publicou que Muñoz foi a aposta do PPdeG despois de que o líder do partido e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lle propuxese por terceira vez ao exconselleiro e deputado popular Javier Guerra ser o candidato e este dixese que non. Nin Guerra nin Feijóo se pronunciaron publicamente, mentres que a dirección autonómica, a través de Miguel Tellado, sinalou que a devandita conversación non lle consta”.

Elena Muñoz Fonteriz (Madrid, 1971) é licenciada en Ciencias Económicas, especialidade en Economía Pública, pola Universidade de Vigo, e pertence á escala superior de Finanzas da Xunta dende 1999.

Tras desempeñar varios cargos na intervención xeral da Xunta, ocupou o cargo de Interventora Xeral dende 2009 ata xaneiro de 2012, momento en que foi nomeada conselleira de Facenda, en substitución de Marta Fernández Currás, posto que ocupa na actualidade.

APOIO “SEN FISURAS”

O presidente do PP de Vigo subliñou que Elena Muñoz terá o apoio “sen fisuras” de todo o partido, empezando polos militantes da cidade olívica, que van “traballar para ela, como se fixo para os outros candidatos”.

Segundo Figueroa, a conselleira é a “persoa idónea” para “rexer os destinos de Vigo”, e valorou, como os seus principais activos, a súa xuventude, a súa preparación, experiencia na administración e o seu coñecemento da cidade. En todo caso, precisou que “terá tempo” ata as municipais para “patear Vigo”.

Figueroa mostrouse “orgulloso” de Muñoz, a quen definiu como “unha persoa da casa” (e asegurou que el mesmo a propuxo para ir nas listas das autonómicas) e, aínda que recoñeceu que se pensou noutras persoas, a conselleira é “a idónea”. “Creo que acertamos”, indicou, e sinalou que el mesmo mantivera numerosas conversacións con Louzán e Feijóo sobre o perfil que debía ter o aspirante á alcaldía de Vigo.

DECISIÓN

Sobre as circunstancias que rodearon á designación de Elena Muñoz como candidata, José Manuel Figueroa non quixo precisar cando se decidiu, nin quen a propuxo. Simplemente, limitouse a recoñecer que el mesmo se postulou como candidato pero que, “nunha comida en verán”, se decidiu que non o sería, porque había “persoas que o podían facer mellor”.

O presidente do PP vigués afirmou que o seu partido é “serio” e que “as decisións non se toman en 12 horas”. “Houbo moitas opcións sobre a mesa”, sinalou, e subliñou que o PP “ten moito banco”, ao tempo que engadiu que “agora o importante é que hai unha candidata e que ten o apoio unánime do partido”.

Finalmente, Figueroa confirmou que pedira expresamente a Feijóo e á propia Elena Muñoz que deixase a consellería “o antes posible” para iniciar o seu traballo de candidata en Vigo.

 

30 de xaneiro de 2015 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.