publicidade hoxe

Xisela Aranda cara a cara coas mellores do mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Xisela Aranda

Xisela Aranda

Do 1 ao 6 de Decembro disputouse na cidade canadense de Niagara on-the- Lake o Campionato do Mundo de squash por equipos; a esta cita acudiu a viguesa do Squash Pontevedra Xisela Aranda, liderando o equipo español que caeu eliminada na fase de grupos e terminou na decimoséptimo praza, tras imporse a China, Austria e Guatemala.

“O grupo que nos tocou era moi complicado porque nos enfrontamos ás que despois foron campioas do mundo, Inglaterra, e a Australia, Gales e Alemaña, pero estou moi contenta porque xoguei todas as eliminatorias e coa actual campioa do mundo -Laura Massaro- fixen un encontro máis que correcto. Perdín 3-0, pero xogamos de ti a ti, algo que non me podía nin imaxinar hai dous anos, feito que demostra que a miña evolución é moi boa.” Explica a xogadora viguesa.

Pero sen dúbida para Xisela o momento clave do mundial foi na segunda fase, na loita polos postos decimoséptimo a vixésimo, cando se enfrontou ao equipo chinés. “Ía perdendo 0-2 7-11 logrei salvar catro bólas de partido e acabei gañando 3-2 11-9 no quinto. Só por ese partido mereceu a pena todo o esforzo desde que empecei, son momentos inesquecibles. Dependiamos do meu partido para gañar a eliminatoria e souben responder a esa responsabilidade. Ver ás miñas compañeiras-as valencianas Margaux Mouros e Mariña de Juan e a murciana Cristina Gómez- fóra da pista, animando e confiando en min empuxoume para gañar este partido.”

Tamén houbo momentos duros para Xisela neste mundial. “No partido contra Alemaña tiñamos moitas esperanzas postas pero ningunha soubemos estar á altura e atoparnos ben na pista ese día. Persoalmente os tres partidos xogados previamente, un contra a campioa do mundo e outro contra unha excampeona mundial, á que conseguín gañarlle un xogo pasáronme factura. Non conseguín entrar no partido en ningún momento.”

Xisela que xa leva tres mundiais coa selección comentábanos que disputar esta cita é todo un privilexio que espera volver repetir. “Disputar un mundial é o máximo no squash, por iso acudir e plantarlle cara ás mellores como o fixen é moi satisfactorio, porque sentín en todo momento que xogaba de ti a ti. Estou a desexar volver a unha cita desta magnitude, por iso toca seguir adestrando ao máximo.”

A pentacampeona de España regresa “feliz, mellor deportista e mesmo mellor persoa, as experiencias que vivín fixeron que volva moito mellor de como me fun.”

11 de decembro de 2014 | 20:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.